2017/10/25

GALICREQUES DE NOVO

Como xa vén sendo un costume consolidado entre os Papalibros, nos clubs de benxamín e xuvenil acudimos un ano máis ao Festival de Galicreques, en Compostela, para ver Macbeth, ya somos el olvido que seremos, a cargo da compañía Alauda Teatro. Ademais do Club de Lectura tamén participaron nesta actividade o alumnado e Artes escénicas e o de Literatura Universal.
Nada máis chegar a Compostela visitamos unha exposición de marionetas africanas na Biblioteca Anxel Casal. Aproveitamos o noso paso pola Praza do Obradoiro para gozar unha vez máis das vistas da Catedral, a pesares de estar andamiada, do Hostal dso Reis Católicos, Pazo de Fonseca, Pazo de Raxoi... e repasar cousas que vimos na clase estes anos. Tamén pasamos pola Praza de Praterías,onde fixemos unha foto de "familia".
Xa no teatro Principal, Alauda Teatro ofreceunos unha magnífica representación de Macbeth, versión do clásico de Shakespeare, que no seu título fai referencia a un soneto de J. L. Borges. Os actores usaron marionetas de diferentes tipos e unha serie de recursos escénicos, entre os que destaca a música en directo, para contarnos a historia deste personaxe ambicioso, que xunto coa súa muller, a pérfida Lady Macbeth, consegue a coroa de Escocia grazas a súa falta de escrúpulos. O argumento foi un pouco complicado para os máis pequenos, pero despois dun repaso no bus de volta entendímolo algo mellor.
Unha das cousas máis proveitosas para todos nós, pero especialemente para o alumnado de Artes Escénicas, foi a conversa cos actores ao final da obra, na que ademais de contestar ás preguntas do público, derónnos consellos para unha posta en escena con marionetas.
  Galicreques 2017

2017/10/02

INAUGURANDO CURSO CON MANUEL GAGO

A semana pasada o Club de lectura Papalibros retomou a súa actividade cun convidado de luxo, Manuel Gago, que acudiu a Melide a compartir con nós impresións sobre a súa última novela, O anxo negro, obra que afortunadante escollemos no club de adultos como lectura de verán.
A acción transcorre na Galicia dos anos 80. Os habitantes dunha aldea da Costa da Morte acoden a Nicolás Bren, un capitán retirado de Corcubión, para que lles axude a recuperar a imaxe dunha santa moi venerada e querida que lles foi roubada na igrexa parroquial. O capitán, coa axuda de Andreu, un barman bo coñecedor do medio, irá destapando unha trama corrupta, na que a Igrexa ten un importante papel, ao tempo que descobre a importancia dunha talla vinculada a momentos decisivos da nosa Historia e da Historia europea.
O anxo negro é, polo tanto, ademais dunha novela negra, unha novela que, sen poder clasificarse como novela histórica, transita pola historia do noso país e se compromete coa nosa identidade. Xunto a personaxes reais como Pedro Froilaz, don Juan de Austria ou a mesma raíña de Escocia María Estuardo, desfilan outros ficticios como Diego de Carnota, un engaiolante nobre de espíritu renacentista inspirado en Diego Sarmiento de Acuña e/ou no conde de Gondomar. Sucédense tamén distintos escenarios e tempos como a Galicia de Xelmírez, a España de Carlos I e as guerras de relixión europeas, a Inglaterra isabelina ou a represión fascista na Galicia da Guerra Civil e posguerra. A estes elementos históricos, éngadense os humanos, os que dan vida e forza literaria ao relato: as tres Marías, mamá Sula, a gran matriarca, Andreu, o fillo de inmigrantes que loita por facerse un sitio na comunidade ou, como non, o maquiavélico don Servando. Con todos estes fíos Gago tece unha historia perfecta e fluída que consegue atraparnos e tamén emocionarnos.
Pero se a lectura foi unha aventura apaixoante non o foi menos a xornada compartida con Manuel na que, ademais de comentar polo miúdo moitos aspectos da novela, compartiu con nós o seu saber sobre patrimonio e etnografía e vivencias persoais neste campo, que poderían ser perfectamente o argumento dunha nova novela. A súa excelente capacidade comunicadora fixo que o tempo voase e que, tras case tres horas de sesión, se nos fixese pouco. Agardamos con impaciencia unha próxima entrega e poder disfrutar de novo da súa compañía.