2017/06/24

DESVALIXANDO A BIBLIOTECA ANTES DO VERÁN

Este foi o aspecto da nosa biblioteca Xaquín Yebra na última semana de clases. Colas de xente collendo libros a esgalla que, cando non dá tempo de facer o préstamo no recreo, deixan un montonciño co nome para que os profes encargad@s da biblioteca continuemos a tarefa.
Unha semana de tolos, de traballo arreo e de case pelexas polos libros, con carreiras as librarías para comprar segundos exemplares ou novidades que non poden agardar á volta do verán. Nas seccións de cómics e literatura xuvenil empezan a verse importantes ocos e nunca tanto gusto deu ver algo desvalixado como unha biblioteca.
Calculamos que nestas últimas semanas prestáronse arredor de 500 libros, por algo nos chamamos Papalibros. Recordade que na última semana de xuño aínda se poden coller libros ou películas, ata 20 recursos (se fai falta, aumentamos) por 90 días. Vide a atracar a biblio, os libros consérvanse mellor nas mans das lectoras e lectores que nas bibliotecas, está demostrado. Feliz verán e felices lecturas.

2017/06/08

DESPEDIDA DO CURSO EN FURELOS

Unha vez máis, cumprido unha tradición ben consolidada, despedímonos do curso no Club de lectura Papalibros facendo a nosa última reunión na praia fluvial de Furelos.
Para non meternos no estrés de fin de curso, perferimos facelo algo antes Aos maiores, do club de xuvenil, tocoulles o luns 29 de maio e aos benxamíns, 1º e 2º de ESO, este mércores 7 de xuño. Como (por desgraza) agora sempre vai "bo tempo" e xa non chove pusidemos desfrutar dunha estupenda xornada e como sempre un grupiño de valiente bañouse no Furelos, a presares do fría que aínda ía a auga.
Foi un ano de moitas lecturas, algunas como Resistencia de Rosa Aneiros ou Desconhecido de Xiao Berlai compartidas co club de adultos e xuvenil. Vimos cine, espectáculos teatrais, concertos... e os máis pequenos comzaron a acostumarse a ler un mesmo libro, unha experiencia que imos repetir o curso que vén, porque case tod@s os Papalibros prometen repetir e agardamos moit@s Palibros novos en 1º de ESO.


Despedida Papalibros en Furelos