2017/12/21

AGASALLA UN PRÉSTAMO

Este Nadal na biblioteca Xaquín Yebra puxemos en marcha a campaña "Agasalla un préstamo". Trátase de algo moi sinxelo: escollemos unha lectura ou película da biblioteca pensando en que pode gustarlle á persoa á que queremos agasallar e a solicitamos en préstamo para que ela a lea durante o Nadal. Logo procuramos preparar o mellor posible o noso agasallo, facemos un fermoso paquete con materiais reciclados, porque está claro que ademáis de gratuíto o noso galano ten que ser ecolóxico, engadimos unha tarxetiña e alá, a disfrutar.
Nesta última semana Papalibros de todas as idades buscaron inspiración nos andeis da nosa biblioteca para facer o seu agasallo.
Está claro que non necesitamos gastar diñeiro nin consumir para facer facer un regalo magnífico e que as mellores lecturas non teñen prezo. Agasalla un préstamo

2017/10/25

GALICREQUES DE NOVO

Como xa vén sendo un costume consolidado entre os Papalibros, nos clubs de benxamín e xuvenil acudimos un ano máis ao Festival de Galicreques, en Compostela, para ver Macbeth, ya somos el olvido que seremos, a cargo da compañía Alauda Teatro. Ademais do Club de Lectura tamén participaron nesta actividade o alumnado e Artes escénicas e o de Literatura Universal.
Nada máis chegar a Compostela visitamos unha exposición de marionetas africanas na Biblioteca Anxel Casal. Aproveitamos o noso paso pola Praza do Obradoiro para gozar unha vez máis das vistas da Catedral, a pesares de estar andamiada, do Hostal dso Reis Católicos, Pazo de Fonseca, Pazo de Raxoi... e repasar cousas que vimos na clase estes anos. Tamén pasamos pola Praza de Praterías,onde fixemos unha foto de "familia".
Xa no teatro Principal, Alauda Teatro ofreceunos unha magnífica representación de Macbeth, versión do clásico de Shakespeare, que no seu título fai referencia a un soneto de J. L. Borges. Os actores usaron marionetas de diferentes tipos e unha serie de recursos escénicos, entre os que destaca a música en directo, para contarnos a historia deste personaxe ambicioso, que xunto coa súa muller, a pérfida Lady Macbeth, consegue a coroa de Escocia grazas a súa falta de escrúpulos. O argumento foi un pouco complicado para os máis pequenos, pero despois dun repaso no bus de volta entendímolo algo mellor.
Unha das cousas máis proveitosas para todos nós, pero especialemente para o alumnado de Artes Escénicas, foi a conversa cos actores ao final da obra, na que ademais de contestar ás preguntas do público, derónnos consellos para unha posta en escena con marionetas.
  Galicreques 2017

2017/10/02

INAUGURANDO CURSO CON MANUEL GAGO

A semana pasada o Club de lectura Papalibros retomou a súa actividade cun convidado de luxo, Manuel Gago, que acudiu a Melide a compartir con nós impresións sobre a súa última novela, O anxo negro, obra que afortunadante escollemos no club de adultos como lectura de verán.
A acción transcorre na Galicia dos anos 80. Os habitantes dunha aldea da Costa da Morte acoden a Nicolás Bren, un capitán retirado de Corcubión, para que lles axude a recuperar a imaxe dunha santa moi venerada e querida que lles foi roubada na igrexa parroquial. O capitán, coa axuda de Andreu, un barman bo coñecedor do medio, irá destapando unha trama corrupta, na que a Igrexa ten un importante papel, ao tempo que descobre a importancia dunha talla vinculada a momentos decisivos da nosa Historia e da Historia europea.
O anxo negro é, polo tanto, ademais dunha novela negra, unha novela que, sen poder clasificarse como novela histórica, transita pola historia do noso país e se compromete coa nosa identidade. Xunto a personaxes reais como Pedro Froilaz, don Juan de Austria ou a mesma raíña de Escocia María Estuardo, desfilan outros ficticios como Diego de Carnota, un engaiolante nobre de espíritu renacentista inspirado en Diego Sarmiento de Acuña e/ou no conde de Gondomar. Sucédense tamén distintos escenarios e tempos como a Galicia de Xelmírez, a España de Carlos I e as guerras de relixión europeas, a Inglaterra isabelina ou a represión fascista na Galicia da Guerra Civil e posguerra. A estes elementos históricos, éngadense os humanos, os que dan vida e forza literaria ao relato: as tres Marías, mamá Sula, a gran matriarca, Andreu, o fillo de inmigrantes que loita por facerse un sitio na comunidade ou, como non, o maquiavélico don Servando. Con todos estes fíos Gago tece unha historia perfecta e fluída que consegue atraparnos e tamén emocionarnos.
Pero se a lectura foi unha aventura apaixoante non o foi menos a xornada compartida con Manuel na que, ademais de comentar polo miúdo moitos aspectos da novela, compartiu con nós o seu saber sobre patrimonio e etnografía e vivencias persoais neste campo, que poderían ser perfectamente o argumento dunha nova novela. A súa excelente capacidade comunicadora fixo que o tempo voase e que, tras case tres horas de sesión, se nos fixese pouco. Agardamos con impaciencia unha próxima entrega e poder disfrutar de novo da súa compañía.

2017/06/24

DESVALIXANDO A BIBLIOTECA ANTES DO VERÁN

Este foi o aspecto da nosa biblioteca Xaquín Yebra na última semana de clases. Colas de xente collendo libros a esgalla que, cando non dá tempo de facer o préstamo no recreo, deixan un montonciño co nome para que os profes encargad@s da biblioteca continuemos a tarefa.
Unha semana de tolos, de traballo arreo e de case pelexas polos libros, con carreiras as librarías para comprar segundos exemplares ou novidades que non poden agardar á volta do verán. Nas seccións de cómics e literatura xuvenil empezan a verse importantes ocos e nunca tanto gusto deu ver algo desvalixado como unha biblioteca.
Calculamos que nestas últimas semanas prestáronse arredor de 500 libros, por algo nos chamamos Papalibros. Recordade que na última semana de xuño aínda se poden coller libros ou películas, ata 20 recursos (se fai falta, aumentamos) por 90 días. Vide a atracar a biblio, os libros consérvanse mellor nas mans das lectoras e lectores que nas bibliotecas, está demostrado. Feliz verán e felices lecturas.

2017/06/08

DESPEDIDA DO CURSO EN FURELOS

Unha vez máis, cumprido unha tradición ben consolidada, despedímonos do curso no Club de lectura Papalibros facendo a nosa última reunión na praia fluvial de Furelos.
Para non meternos no estrés de fin de curso, perferimos facelo algo antes Aos maiores, do club de xuvenil, tocoulles o luns 29 de maio e aos benxamíns, 1º e 2º de ESO, este mércores 7 de xuño. Como (por desgraza) agora sempre vai "bo tempo" e xa non chove pusidemos desfrutar dunha estupenda xornada e como sempre un grupiño de valiente bañouse no Furelos, a presares do fría que aínda ía a auga.
Foi un ano de moitas lecturas, algunas como Resistencia de Rosa Aneiros ou Desconhecido de Xiao Berlai compartidas co club de adultos e xuvenil. Vimos cine, espectáculos teatrais, concertos... e os máis pequenos comzaron a acostumarse a ler un mesmo libro, unha experiencia que imos repetir o curso que vén, porque case tod@s os Papalibros prometen repetir e agardamos moit@s Palibros novos en 1º de ESO.


Despedida Papalibros en Furelos

2017/05/11

DESCONHECIDO, CON XIAO BERLAI

O mércores de 10 maio tivemos o pracer de compartir unha sesión de Papalibros con Xiao Berlai e Ernesto G. Torterolo, que nos presentaron Desconhecido, un proxecto no que se unen poesía, música, ilustración e cómic para contar a historia, nas súas propias palabras, dun home descoñecido que eleixiu a soidade ao ser privado do amor da súa vida.
Traballamos con esta obra no club de xuvenil e no de adultos, polo que a nosa reunión foi interxeneracional, como algunha vez anterior. Asistimos máis de 20 persoas, entre as que, ademais dos Papalibros había outras persoas da Terra de Melide, todas fans de Berlai, que puidemos escoitar varias cancións do disco e desfrutar en directo dos debuxos de Ernesto G. Torterolo, que tivo a paciencia de personalizar as ilustracións das dedicatorias.
O máis interesante foi escoitar dos autores o proceso de creación da obra, inspirada nunha historia familiar de Xiao, como primeiro xorde unha canción á que se van unindo outros poemas. A isto se engaden as imaxes como unha necesidade ou desculpa para centrarse na música, para que a historia ocupe toda a nosa atención. Vaise configurando un relato cheo de lirismo que nos entra por todos os sentidos e consegue mergullarnos no mundo dese descoñecido, dese home que escolle a vivir apartado porque non o deixaron elexir a súa vida. Desconhecido, de Berlai

2017/04/03

CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Como remate da 2ª avaliación o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Para elo empregaron recursos da rede e a ampla bibliografía coa que conta a nosa biblioteca, que foron lecturas de moit@s Papalibros. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse diferentes recursos escénicos como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos servoi para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos

2017/03/19

IZAN O DA SACA, DE NOVO CON XABIER QUIROGA

O xoves 16 de marzo, nun horario inhabitual para @s Papalibros adult@s, tivemos a sorte de contar coa presenza de Xabier Quiroga para falarnos da súa última novela, Izan o da saca, que acaba de recibir o premio San Clemente. A reunión, como si é habitual, tivo lugar na nosa biblioteca Xaquín Yebra, recén "reinaugurada" tras as obras que a convertiron nun lugar luminoso, diáfano e moi agradable, a "sala bip" do instituto como din algúns usuari@s.
Izan o da saca é unha novela cun estraño título que podería considerarse un thriller, novela negra ou mesmo novela histórica. O Reina, un taxista da Ribeira Sacra afeccionado á investigación policíaca e auténtico papalibros, acepta a encomenda dun alto cargo político galego que quere esclarecer unha posible conexión nazi no seu pasado familiar na máis estricta discreción e confidencialidade, como a súa posición así o esixe. O Reina comezará unha investigación que o levará a descubrir unha serie de testemuñas que documentan a presencia nazi en Galicia, que formaba parte da misteriosa "Ruta das Ratas", pola que moitos nazis fuxiron a América do Sur.
Coa a habilidade que xa percibimos noutras obras, Quiroga consegue un relato trepidante mesturando distintas voces narrativas combinadas con precisión. Personaxes emotivos como Lelia, o Barrabás, o Graciano, outros non tan emotivos pero moi moi auténticos como D. Manuel Varela e outros máis poéticos como a pobre Loliña da postguerra cohabitan con personaxes reais como Xan de Forcados, Guillermo de Cloos ou Walter Kutschmann facendo que o lector se implique tamén nunha investigación persoal do pasado.
Na nosa sesión Xabier explicounos detidamente a xestación do libro e a súa minuciosa documentación e investigación, aportándonos manuscritos, fotografías e detalles que nos facían imaxinalo tal cal o Reiniña nos pasadizos de Samos. Unha xornada emocionante grazas a  accesibilidade, a calidez e o agarimo co que nos agasallou Xabier Quiroga.


2017/03/18

@s Papalibros estrean biblioteca!

O pasado mércores 15, na sesións de Benxamíns do noso club de lectura reestreamos biblioteca e o celebramos con bombóns e galletas de chocolate. Este é o aspecto que ofrece a nosa biblioteca despois das obras que a abriron a luz: grandes portas orientadas ao sur, ventanais enriba da zona de ordenadores e nova distribución e mobiliario.
Aínda quedan cousas por cambiar: as portas serán de cristal e no verán porase tarima no chan, para aillalo mellor e facelo máis cálido. Este mércores disfrutamos dun día estupendo e poidemos estar coas portas abertas, lendo no céspede do xardín.
Falamos de varios libros, pero sobre todo de El arte de ser normal, de Lisa Williamson e o problema do acoso escolar, do sexo, do xénero e da liberdade das persoas. Un día estupendo nun lugar estupendo, a nosa biblioteca.
Os Papalibors estrean biblioteca!!