2016/11/30

PREPARANDO RESISTENCIA, DE ROSA ANEIROS

Hoxe temos xuntanza os Papalibros de adultos para comentar Resistencia. Tivemos a sorte de contar coa xenerosidade Rosa Aneiros, que nos mandou un vídeo para esta ocasión. Preparamos tamén un material auxiliar para contextualizarnos e entender mellor esta historia de amor nun Portugal que loita polas súas liberdades e resiste á ditadura do Estado Novo.

2016/10/11

COMEZAMOS COAS XUNTANZAS

Na primeira semana de outubro comezaron as xuntanzas dos diferentes clubs.
O luns 3 a mediodía quedamos os Papalibros xuvenís,  3º e 4º de ESO e BAC. Acordamos ler Resistencia, de Rosa Aneiros, como primeira lectura, coa idea de repasar a historia recente de Portugal, o país veciño co que tantas afinidades culturais compartimos, e o seu tratamento da memoria histórica. Temos en proxecto completar esta lectura con outras como Afirma Pereira, de A. Tabucchi e unha pequena antoloxía poética en torno a Lisboa. Estas lecturas completaríanse cun roteiro literario por Portugal: Viana do Castelo, Óbidos, Peniche, Alcobaça e Lisboa, que temos programado para o mes de febreiro.
O mércores 5 xantamos xuntos os Papalibros Benxamíns. ao igual que o luns, aproveitamos o bó tempo para comer e ler fóra. Cada quen leu as súas lecturas favoritas no momento de ler para comentalas despois. Acordamos ir ao cine a ver a estrea da película Un monstro vén a verme, baseada na novela do mesmo nome de Patrick Ness, da que temos varios exemplares na biblioteca, na súa edición en galego.
Pola tardiña foi a quenda dos Papalibros adultos, que sempre facemos as nosas xuntanzas con alimento para o espírito e o corpo. Comezamos a andaina deste ano con Divorcio en Buda, de Sándor Márai, e La Tetería del Oso Malayo, cómic de David Rubín. Tamén no club de adultos queremos sumarnos a esa viaxe literaria por Portugal e apuntámonos a ler Resistencia para outubro, aproveitando o préstamo de xuvenís. Este curso no club de adultos batemos o récord de participación, somos vinte persoas (o tope establecido por cuestións loxísticas) e aínda temos xente en lista de espera!!
Primeira xuntanza de Papalibros

2016/09/30

POR SETEMBRO TOCA VOLTAR!!

Outro ano máis o Club de lectura Papalibros retoma a súa actividade acudindo a un espectáculo de Galicreques 2016, o Festival Internacional de Títires que por estas datas se celebra en Compostela.
Como sempre, os máis pequenos do insituto, os novos/as Papalibros de 1º de ESO, foron maioría nesta actividade, que tivo lugar na SGAE.
Nesta ocasión disfrutamos dun espectáculo novidoso, debuxos con area sobre unha pantalla transparente que proxectaba a súa sombra nunha parede. A artista presentounos a súa obra creando un ambiente cálido e cercano e foi quen de por imaxes á música que sonaba, na súa mioría cancións compostas por persoas achegadas a ela. Narrounos historias da rúa, de familias, de xente oprimida, describiunos paisaxes sen artellar unha soa palabra.
Pero o mellor de todo foi que Paula (chamábase así?) desvelounos os segredos da súa arte: era capaz de crear un universo tan marabilloso tan só cun vello proxector de transparencias e medio quilo de bicarbonato ou sal, e deixounos probar a debuxar no seu propio aparello.
Moitas rapazas e rapaces puideron amosar as súas habilidades e tentar crear pequenos debuxos neste pouco tempo. Será posible que teñamos algún destes vellos aparellos no instituto e non lle saquemos partido? Imaxinación ao poder, sobre todo se reciclamos!

Galicreques 2016

2016/06/23

DESPEDIDA do CLUB DE LECTURA

Este ano, por motivos climatolóxicos, non poidemos celebrar a nosa tradicional despedida de Papalibros en Furelos e tivemos que conformarnos con facelo na nosa biblioteca Xaquín Yebra, que por un par de horas convertiuse nun comedor improvisado para despedir a nosa última xuntanza lectora. Alí nos xuntamos o mércores 15 de xuño a mediodía os clubs de Benxamíns e Xuvenís. Pola tarde, a nosa hora habitual tamén o club de adultos fixemos a nosas despedida, dando conta do cómic Olimpita, de Hernán Migoya e da novela A la sombra de árbol violeta, de Sahar Delijani.
Este día e ao longo de toda a semana, moitos Papalibros aproveitaron para levar os seus préstamos de verán, que tuvimos que aumentar a 25 recursos, xa que al algúns/as non lle chegaron cos 20 inciais que tiñamos dispostos. Como xa sabedes moitos, temos 80 días de préstamo para poder devolvelos en setembro. Animádevos a "saquear" a biblioteca, que os libros están moito máis contentos con vós no río, na praia, na casa... que nos andeis do instituto.

2016/06/22

CAMPIONAS DE CARNÉS DE LECTURA

Xa case tocando ao fin de curso facemos reconto dos vales de Papalibors entregados e case chegamos a trinta. Segundo os nosos carnés, as nosas lectoras máis voraces foron María Fuciños, de S2B, e Ana Prieto, de S2C, con catro vales por un importe de 10 € cada un. Tamén temos a Mariña Ferreiro, Tamara Pereiro, Iago García, Iria Blanco... e seguro que hai un montón de lectores/as voraces que por descoido ou esquecemento non nos entregaron o seu carné cuberto.
Por se alguén anda despistado, recordamos que podedes solicitar o voso carné de Papalibros na biblioteca. Non tedes máis que cubrir os vosos datos e ir selando as lecturas que ides facendo no reverso do carné. Cada carné ten un oco para seis libros que deben ser sempre lecturas non obrigatorias do curso. O profesorado encargado do club de lectura é quen sela cada libro, previa "rendición de contas" da lectura, mediante breve exposición oral, post en blog, resumo en axenda... Cada carné completo supón un vale de 6 € para cambiar por libros ou material escolar en varios establecementos de Melide. Non esquezas pedir o teu carné, tamén contan as lecturas do verán!!

2016/04/10

CON CHOCOLATE Y LETRAS, UN BLOG ALTAMENTE RECOMENDABLE

Vimos de descubrir agora o blog Con chocolate y Letras, que administra unha das nosas Papalibros, Iria Barreiro.

O blog xa leva varios meses activo, pero nós aínda dimos con el recentemente e xa nos puxemos a devoralo.
O primeiro que queremos destacar é calidade dos seus artigos, ben redactados, e sempre escollendo temas interesantes e atractivos. Gústannos especialemente os temas de debate como ¿Libros obligatorios? ou Literatura juvenil, que poñen sobre a mesa cuestións controvertidas das que tod@s temos discutido máis dunha vez.
Outro apartado favorito son as reseñas, que Iria fai con bastante frecuencia. Deixamos aquí, como exemplo, unha sobre un dos libros que limos no club de lectura, Para acabar con Eddi Bellegueule. Sabemos que Iria reseña incluso libros aínda sen publicar que lle pasan escritoras/es noveis.
Pero talvez o máis atractivo é a frescura e espontaneidade que se deixa ver en todos os seus post. Iria é unha gran lectora, sobre todo, de novelas de fantasía e distópicas, os seus xéneros favoritos, pero sen excluír outros temas. Le sen prexuízos, aproveitando todas as ocasións que se lle presentan e está moi atenta as novidades. A súa opinión está ben fundamentada, porque é unha lectora madura que ten un criterio literario.
E xa para rematar, en Con chocolate y letras podes atopar booktags, booktubers, memes literarios, premios de outros bloggers... en fin, non deixedes de pasar por aquí.

2016/02/24

CABALOS E LOBOS CON FRAN P. LORENZO

A semana pasada as Papalibros do club de adultas tivemos a sorte de poder compartir a nosa xuntanza de febreiro con Fran P. Lorenzo, autor de Cabalos e Lobos, unha magnífica novela difícil de encadrar nunha soa temática.  
Cabalos e Lobos é inicialmente unha historia de busca persoal. Paula, unha muller que acaba de entrar na cincuentena e que pertence a unha influínte familia viguesa con raíces alemáns, agarda un diagnóstico dunha posible enfermidade grave. Nesta angustiosa espera, que marca un punto de inflexión na súa vida, comeza a mirar de fronte á morte e necesita atopar respostas aos silencios impostos e puntos escuros que rixen as súas relacións familiares para deixar un legado ao seu fillo Thomas.
Nesta primeira parte, Paula asume a voz narrativa en primeira persoa. Esta busca persoal convértese nunha saga familiar, a historia dos Beckman, unha familia alemá que chega a Vigo nos anos 20 do século pasado. Na primeira parte Paula vai cosendo recordos e reconstruíndo escenarios a partir de vellas fotografías. Na segunda parte, Álvaro, o tío de Paula, desvelará os puntos escuros do pasado familiar, que é indisociable da historia do pobo alemán no século XX.

Cabalos e Lobos é tamén unha novela histórica que transita entre dúas cidades, Lübeck e Vigo, e percorre o terceiro Reicht, as mobilizacións obreiras da II república, a Guerra Civil Española, a II Guerra Mundial, o Holocasuto, a represión franquista...É unha novela que reivindica a necesidade de mirar atrás, dando unha volta ao castigo bíblico da muller de Lot, que queda convertida en estatua de sal ao contemplar a destrución de Sodoma e Gomorra, ou ao mito de Orfeo, que perde á súa amada Eurídice por voltar a vista.
Pero entre os segredos familiares, ademais das sinistras filiacións políticas, agóchase tamén amores prohibidos, o amor por Bruno ao que Álvaro terá que renunciar, convertíndose en certo modo nunha sombra. É esta tamén unha historia de denuncia, que dá voz a todas as aquelas persoas que non puideron disfrutar do mellor do ser humano, o amor, porque a súa escolla non estaba dentro dos cánones establecidos
Cabalos e Lobos é clasificación que fai Álvaro das persoas, os lobos son aqueles que necesitan depredar para sobreviviren, mentres que os cabalos, como no xadrez, son capaces de saltar con elegancia e beleza, sen ter que danar a ninguén. Ao longo das catro xeracións de Beckman, os lobos van dando lugar aos cabalos e Thomas, o herdeiro, será libre e nobre coma un cabalo grazas, en parte, ao legado da súa nai e ao sacrificio dos seus tíos.

A compaña e a xenerosidade de Fran P. Lorenzo permitiunos coñecer de primeira man o proceso creativo, os seus vínculos familiares e persoais coa cidade de Vigo, escenario e tamén personaxe que observa a acción dende o cumio do emblemático edificio de Gran Vía nº 2. Durante as máis de dúas horas nas que Fran compartiu con nós todo ese microcosmos que xerou esta marabillosa ficción, descubrimos, ademais do escritor, a unha persoa engaiolante. Desexamos sinceramente volver compartir con el outra das súas creacións en non moito tempo.

2016/01/11

BOOKTUBERS: RECOMENDACIÓN DE LIBROS EN YOU TUBE

O fenómeno booktuber está arrasando nas comunidades lectoras. Como podedes deducir do seu nome, trátase de compartir as paixóns lectoras a través dun canal de You tube. En fin , nova nova forma de reseñar un libro para a que só se necesita unha webcam/video, unha conexión a internet e un pouco de labia. O booktubers soen utilizar booktags, etiquetas que se pasan uns a outros, a modo de desafío e/ou xogo, e que relacionan uns libros con outros e con outros vídeos.
Agardamos a que os Papalibros, en breve, se animen a este tipo de reseñas.
Velaí as recomendacións que Nubes baixo ti nos manda dende Ourense. Unha boa forma de comenzar o ano, Felices lecturas!!