2015/06/22

FELIZ VERÁN E FELICES LECTURAS!

Non queremos despedirnos sen publicar a guía de lecturas para as vacacións, que ao longo do curso foron elaborando as rapazas e rapaces de 1º de ESO A coa súa porfesora Aurora Mourenza. Non marchedes sen coller un libro. Aínda que xa se prestaron moitos, temos abondo para todas e todos. Feliz verán e felices lecturas!

2015/06/21

Despedida club de adultos: "El gran Gatsby" e "Lo que el viento trae"

No club de adultos despedimos as nosas sesións deste curso con dous libros estupendos: El Gran
Gatsby de F.S. Fitzgerald e Lo que el viento trae, novela gráfica de Jaime Martín.
Con razón O gran Gatsby é considerada a gran novela norteameríca. F. Scott Fitzgerald fai un retrato maxistral do período de entreguerras, eses felices anos vinte previos ao crack do 29 nos que unha clase burguesa emerxente, branca por suposto, se enriquece cos bonos e accións na bolsa, proliferan as mafias á sombra da lei seca e se marcan as diferenzas sociais que logo se extremarán coa gran depresión. Todos eles acuden as espléndidas festas que dá Jay Gatsby na súa mansión nas que o jazz está sempre presente, ao igual que o prohibido alcohol.
Gatsby é un personaxe misterioso, un home que se fixo así mesmo e solitario, a pesares de estar rodeado dunha multitude frívola e que se aproveita da súa xenerosidade. A través do narrador, Nick Carraway, un observador neutral que se considera a si mesmo honrado, a lectora descubre a personalidade Gatsby baseada no engano, pero consegue sentir unha certa empatía cara el, xa que debaixo de toda a parafernalia das festas multitudinarias agóchase un sentimento auténtico, só quere atraer a Daisy Buchanan e conseguir de novo o seu amor. Gatsby, aferrado ao seu sono, semellará case unha figura quixotesca fronte a Tom Buchanan, o marido de Daisy, un home de boa familia e dobre moral, que cre nos valores tradicionais norteamericanos. Tom Buchanan, arroupado polo seu diñeiro e a súa personalidade asoballadora, conseguirá impoñerse e saír indenme da desgrazada historia amorosa a varias bandas que se fragua na novela.
Lo que el viento trae é unha novela gráfica de Jaime Martín, autor da espléndida e máis recente Las guerras silenciosas. O título vén sendo un remedo da tradución ao español da famosa película Gone with the Wind e fai alusión a un estrano e macabro fenómemo que acontece na historia, ambientada nunha Siberia presoviética. Trátase, pois, dunha historia de terror que ten como protagonista a un xove médico que por motivos políticos debe fuxir dunha Moscova previa á revolución rusa, e acepta un posto de resposabilide no inhóspito norte do país. O frío, a pouca luz, a ignorancia, a superstición e a brutalidade farán o resto.
E como sempre a parte grastónomica estivo a altura das lecturas, queixos variados e riquísimos cunhas deliciosas pastas e, como non, a tradional repostería de Melide acompañando o café. As Papalibros adultas tamén fixemos boa provisión de libros para o verán, nos que abunda o cómic e a narrativa. Volveremos de novo en outubro e unha das primeiras lecturas será De ratos e homes, de J.E. Steinbeck. Felices verán cheo de lecturas a todas e todos!

2015/06/20

OS PAPALIBROS DESPIDEN O CURSO EN FURELOS

No club Papalibros de 1º ciclo de ESO xa temos institucionalizada a nosa despedida de curso na praia fluvial do río Furelos. Este ano o tempo acompañou e foron moitas e algúns as valientes que se atreveron a bañarse despois de comer. Velaí facendo as cousas que máis nos gustan club: comer (sobre todo pizza) e ler. Botade unha ollada ás nosas lecturas... Esta última semana os Papalibros de todos os cursos e idades fixeron un auténtico atraco á biblioteca, levando emprestados unha chea de libros. Case houbo pelexas nos títulos máis solicitados: Bajo la misma estrella, de J. Green, os primeiros números de sagas como El corredor del laberinto, Los juegos del hambre, Delirium, After de A. Tood, Juego de Tronos de G. R. R. Martin... o caso é que moitas e moitos tiveron que levar os libros en bolsas e houbo quen levou máis de 10 libros para as vacacións. Felices lecturas e feliz verán para todas e todos e , moi especialemnte para os Papalibros.

CORAZÓN DE CHOCOLATE, UN ROTEIRO EN COMPOSTELA

Despois de estar lendo Corazón de chocolate, un misterio para Tintimán en Compostela, de Jauréguizar durante o último trimestre nas clases de reforzo, por fin o xoves 11 de xuño fumos a Compostela a percorrer os lugares nos que se move Uxío Lobo, o noso protagonista, tratando de resolver un extraño caso en torno a catedral de Santiago. Escollemos esta lectura porque parte do alumnado de refozo, a pesares de vivir en pleno camiño de Santiago, non coñecía a Catedral de Santiago nin a Compostela monumental. O libro, ademais de describirnos lugares emblemáticos de Santiago, aporta moitos datos sobre a historia de Galicia, centrándose principalmente na construción da catedral.

No noso roteiro engadimos algún lugar a maiores, para poder coeñcer mellor a zona vella compostelá. Axudados por unha pequena unidade didáctica comezamos na rúa de Xoán XXIII, onde se atoparía o instituto "Charles Lemaur" no edificio que hoxe é a Facultade de Ciencias da Educación. Subimos bordeando o San Martiño Pinario observando as súas fachadas, saímos pola rúa de Xerusalén, antiga xudería. Baixamos pola Acibechería até o Obradoiro, onde entramos no pazo de Xelmírez e repasamos quen fora este personaxe. Estudamos a fachada e a historia do Hostal dos Reis Católicos e dende alí divisamos a rúa das Hortas, onde estaría a casa chea de gatos do pai de Uxío, e que dende a morte deste Uxío debía coidar.
Vistamos o arquivo da catedral, cos permisos correspondentes e sen tentar facernos pasar polos sobriños de ninguén, como fixera Uxío na novela. Esta visita foi moi especial, vimos manuscritos do s. XV, libros moi grandes chamados tumbos, a copia facsímile do Códice Calixtino e a maior sopresa foi cando o noso guía nos abriu unha especie de mesa e descubrimos unhas escaleiras que baixaban ao arquivo musical, miúdos libros que había alí! Ao saír do arquivo catedralicio vimos con calma as Praterías e a praza da Quintana.
Despois veu a parte máis aventureira, tivemos que facer un percorrido sen profes seguindo as instruccións que viñan no noso cuestionario. Así, subindo pola rúa Xelmírez chegamos á praza de Cervantes, onde supostamente estaba o "Diario Galego", no que traballara Norberto Lobo, o pai de Uxío, ás ordes de don Anxo. Alí debíamos entrar na librería Couceiro e pedir o sobre secreto con novas instrucións. Co mapa que había no sobre poidemos chegar á praza de Mazarelos, pasando polo mercado de Abastos, e de alí continuamos até a Alameda para facer unha foto coas famosas Marías. O noso percorrido a soas remataba na praza do Toural, onde estaba a "Fábrica de chocolate" na que obteivemos a nosa "recompensa", que non podía ser outra que un corazón de chocolate.
Despois dun xeneroso descanso para xantar, collemos pola rúa do Vilar para visitar a Catedral. Primeiro vimos o interior do templo, comezando polo altar maior e as distintas capelas, entrando na Corticela e fixándonos as portas e reixas polas que Uxío podería entrar a ese soto subterráneo da catedral. Por desgraza non puidemos ver o Pórtico da Gloria, porque se está restaurando, pero vimos a Cripta do apóstolo, a porta Santa e até houbo que subiu a dárlle un abrazo a Santiago. Tamén comprobamos que na catedral hai realmente un soto, a excavación arqueolóxica na que se atoparon as catacumbas.
Xa para rematar a nosa xornada, subimos ás cubertas da catedral, tratando de descubrir o sitio por onde Uxío escalara para tentar coarse no arquivo. As vistas eran alucinantes e a nosa guía, Laura, explicounos de xeito moi ameno un montón de cousas sobre Santiago e a historia da catedral, moitas das cales xa viramos na clase. E con estas vistas de Santiago dende as alturas rematamos a nosa xornada que, aínda que para algúns foi moi cansa, serviunos para coñecer un pouco mellor Compostela e aprender moitas cousas da nosa historia que non sabiamos e decatarnos do rico que é o noso patrimonio cultural.