2015/05/16

AS PAPALIBROS ADULTAS CON MURAKAMI E BLACKSAD

Aínda que este curso non fixemos moita publicidade, as xuntanzas do club de adultos seguen vento en popa. Seguimos xuntándonos un mércores ao mes cun par de lecturas: unha novela e un cómic.
Así levados lido dende que comezou o curso os seguintes títulos: La mujer habitada de G. Belli, Barrio Lejano de Taniguchi, La acabadora de M. Murgia, Los combates cotidianos de M. Larcenet, Memorias de la niña mala de M. Vargas Llosa, Watchmen de A.Moore & D. Gibbons, O sentido dun final de J. Barnes e Carta a una desconocida de S. Zweig. 

Nesta última xuntanza demos conta de Tokio Blues, de H. Murakami, e do primeiro volume de Blacksad, de Guarnido & Díaz Canales. Murakami forma parte dese intento que facemos as Papalibros de achegarnos a outras literaturas e resultounos sorprendente o protagonismo deses mozos tan libres e independentes nun Tokio de finais dos anos 60 occidentalizado ao que chegan os ecos do maio do 68. O protagonista, Toru Watanabe, un mozo marcado polo suicidio do seu único amigo, comeza os seus estudos universitarios e debe enfrontarse á vida en medio da soidade e a inseguride propia da súa idade. Descubrirá o amor, pero un amor que conleva dor, e buscará con ansia a amizade. Chama a atención a ausencia da figura paterna ou de outras persoas maduras e adultas que o acompañen nesa transición a idade adulta á que chega a través da superación da dor e coa axuda dos seus iguais, que tamén sufriron como el.  

Blacksad é case un clásico que tiñamos na lista de lecturas pendendentes. É máis que comprensible que recibise tantos premios, pois o primeiro que chama a atención neste cómic de xénero negro é o extraordinario debuxo de Guarnido. Os zoormorfos, posible influencia de Disney, para a que traballa Guarnido, e/ou de Maus, son a esencia da narración, non é necesario describir ao noso protagonista que é un elegante e guapetón gato, ou a un empresario que é un sapo, un réptil que é asasino a soldo ou unha amante que é unha linda gatiña moi humanizada. Os planos son maxistrais, non nos estraña que o noso antigo e admirado compañeiro Xosé Tomás o utilizase como modelo para explicar as entrañas do cómic ao alumnado. Pero ademais dos personaxes, outra das cousas estupendas de Blacksad son os escenarios xenuínos que recrea nesa Norteamérica dos anos cincuenta: as mafias, o racismo, a caza de bruxas, os cálidos ambientes de Nova Orleans ou da Ruta 66, na que non faltan os beatniks facendo a súa particular "On the road". O certo é que algunhas non poidemos conternos e limos todos os demais volumes.

Pero se as nosas lecturas van por bo camiño, a parte gastronómica non queda atrás. Velaí a estrela do noso club de gourmets, o delicioso pan que fai Maruxa no seu forno de leña, desta vez con forma de corazón, todo un luxo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario