2014/06/25

DESPEDIDA DOS PAPALIBROS EN FURELOS

Como en anos anteriores e grazas a que o tempo acompañou, os Papalibros puidemos facer o pasado mércores 18 de xuño a nosa despedida na praia fluvial de Furelos.
Xuntámonos os clubs de 1º, 2º e 3º de ESO, se ben é certo que coa actividade frenética que tivemos a pasada semana no instituto algúns Papalibros tiveron que quedar a difrentes ensaios de teatro e música, para preparar o impresionante concerto que tivo lugar o venres 20.
É unha realidade que os Paplibros sempre participan nun montón de actividades ademais do club de lectura, moitos mércores deste curso os profes case tiñamos que "rifarnos" ao alumnado para poder levar adiante outros proxectos como Cine en curso, Lights, camera, action!, Cineforum... Esta circunstancia fixo que nos dispersaramos un pouco máis e que non levásemos a cabo actividades que fixemos o ano pasado, como unha viaxe da máis de un día, que si que botamos de menos...
A pesares de que fixemos poucas saídas, a maioría dos Papalibros teñen intención de seguir o curso próximo e nós facemos "propósito da emenda" para non defraudalos.
Moi bo verán a todas e todos, cheo de lecturas marabillosas!!

2014/06/14

DESPEDIDA DAS PAPALIBROS ADULTAS

O mércores 11 de xuño tivemos a nosa última sesión de club de adultos deste curso 2013/14. A hora foi un pouco antes do habitual, nunha estupenda tarde que xa preludiaba o verán, e o lugar desta vez non foi a nosa biblioteca, senón a casa de Maruxa, unha das nosas lectoras que nos convidou a un exquisito pan recén cocido no forno de pedra da súa casa, na aldea de Agra, a 20 minutos de Melide.
As nosas nosas lecturas para comentar eran, coma sempre, un cómic e unha novela: La casa dorada de Samarcanda, unha aventura de Hugo Pratt protagonizada por Corto Maltés; e Botchan, de Natsume
Soseki, un clásico da literatura xaponesa.

La casa dorada de Samarcanda fixo as delicias dalgunhas lectoras. Hugo Pratt é un mestre en mesturar ficción e realidade histórica, e nesta aventura coloca ao noso heroe Corto Maltés no Oriente próximo convulso dos anos 20 do pasado século, pouco despois da primeira guerra mundial. Corto, infatigable aventureiro, vai na busca do tesouro de Alexandre Magno, seguindo a pista doutro aventureiro histórico, E. Trelawny, que fora amigo de Byron e Shelley. O noso heroe comenza o seu periplo na illa grega de Rodas, continúa por Turquía e percorre o Kurdistán, Pakistán, Afganistán... onde topa con persoeiros históricos coma Enver Bey, un dos Xovenes Turcos que lideraron a revolución que convertíu a Turquía nunha nación moderna e tamén un dos responsables do xenocidio armenio. Ademais das numerosas referencias históricas, o álbum está cheo de guiños ao mundo clásico: Casandra, a amiga de Corto que adiviña o futuro, o seu irmán Narciso, a viaxe de Xasón... Pero talvez o mellor de todo sexa ese xenial personaxe, Corto Maltés, un heroe romántico, cosmopolita, auténtico galán de amores platónicos, audaz pero temperado, inalterable e tranquilo nos momentos de perigo, nobre e xeneroso... que ten como contrapartida a Rasputín, o seu amigo medio delicuente, medio aventureiro, mullereiro, vengativo, cruel e en todo punto excesivo.

Botchan é unha simpática novela de Natsume Soseki, escritor consagrado da literatura xaponesa, que narra as venturas e desventuras dun xoven e novato profesor de secundaria, destinado a unha provincia remota do Xapón. O protagonista, Botchan (que en xaponés significa "neno consentido"), sufrirá as novatadas non só dos alumnos, senón tamén de parte do claustro de profesores, que se aproveitarán da súa inocencia para levar a cabo os seus plans de promoción persoal, con fins pouco educativos. A historia amósanos unha sociedad xaponesa de principios de século XX, en plena Era Meiji, que é testemuña da descomposición do sistema feudal e do nacemento dunha nación moderna que ameaza con convertirse nunha gran potencia, despois de derrotar a Rusia en 1905.

Pero ademais das nosas lecturas falamos de infinidade de temas e escoitamos simpáticas e interesantes historias persoais, como a de Mary, que conseguiu mercar a súa primeira colección de libros traballando na taquilla da histórica discoteca Escorpio, despois Xanadou e actualmente Palladium. Falamos da nosa infancia e dos nosos hábitos lingüísticos, de porque moitos lectores/as rexeitan ler en galego ou lles custa máis.
Botamos moito de menos a Isabel, Amparo, Isa, Trini... que non puideron asistir. Agardamos seguir véndonos no próximo curso e desexamos un verán feliz, cheo de boas lecturas.

2014/06/06

VII Xornada dos clubs de lectura

Este venres 6 de xuño o club de lectura Papalibros acode unha vez máis nas xornadas de clubs de lectura de toda Galicia que soen celebrarse nestas datas en Santiago, pero esta vez farao dun xeito máis activo, participando na mesa redonda: "Unha visión sobre as lectoras e os lectores dos clubs de lectura e o papel da persoa mediadora".
Compartiremos mesa con coordinadoras de clubs de lectura moi activos, como Gracia Santorum do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coautora de Trafegando Ronseis, un blog de referencia; con Mª Xesús Sarmiento do IES San Mamede (Maceda, Ourense) e Ana Belén Durán Pernas, do IES Xograr Afonso Gómez, ambos clubs de lectura cos blogs Pasamos páxina e Biblioxograr.
Os Papalibros teremos a oportunidade de expor a nosa opinión sobre clubs de lectura e o papel do mediador, só agardamos poder estar a altura de tan boa compaña.

2014/06/03

DIVERGENT, SESIÓN DE CINE PARA OS PAPALIBROS

O pasado xoves 23 de maio, o club de lectura Papalibros, xunto coas alumnas/os de outras actividades extraescolares (a nosa emisora Falamelide, Cine en curso, Cineforum, "Lights, camera, action"...) disfrutamos dunha sesión de cine en Lugo.
A película elixida foi Divergent, baseada na novela de Veronica Roth, primera dunha triloxía tamén co mesmo título. Esta triloxía é un dos grandes éxitos dos Papalibros neste curso 2013-14 e forma pate de toda esta serie de triloxías de moda ambientadas nun futuro distópico. Na nosa última reunión falamos un pouco de que ven sendo iso de distópico, de distopía. A distopía sería o contrario da utopía, algo non desexable, malo, que se moitas veces se atopa nun futuro imaxinario que non supón un empeoramento das condicións de vida. É ese futuro que vemos en Os xogos da fame, Diverxente, a saga Delirium...
En Diverxente preséntasenos unha sociedade dividida en faccións que no seu día se crearon para evitar os males que conduciron a unha terrible guerra. Estas faccións levan os nomes de virtudes como Osadía, Abnegación, Cordialiade, Erudición e Verdade. A idade de 16 anos os mozos e mozas deben "elexir" a que facción queren pertencer, atendendo as súas porpias características e aos resultados dun test. Beatrice, a protagonista, descubre que ela ten características polas que podería formar parte de
diferentes faccións, é unha diverxente e a súa vida correrá perigo.
Se viches a película e che apetece ler os libros, pásate pola biblioteca, e a ver se hai sorte e os exemplares non están prestados!