2014/04/25

23 DE ABRIL, DIA DO LIBRO

Este mércores 23 de abril tivemos unha das nosas reunións de Papalibros, de 2º de ESO neste caso, e non quixemos deixar pasar a oportunidade para facer algunhas recomendacións dos nosos libros favoritos, bota un ollo.

2014/04/23

TODO SE ESFARELA, UN POUCO DE LITERATURA AFRICANA

Neste proceso de inmersión noutras literaturas que tentamos facer de cando en vez no club de adultos, tocoulle a quenda a África, con Todo se esfarela (ou Todo se desmorona, na súa versión en castelá) do nixeriano Chinua Achebe.
A acción desenvólvese a finais do século XIX nun conxunto de poboados ibo, unha das etnias maioritarias de Nixeria, e relata a vida Okonkwo, lider local e campeón en loita. Aínda que a vida de Okonkwo sofre avatares varios que debilitarán ou seu liderazgo, será a chegada do colonialismo británico precedido dos misioneiros cristiánsa modo de "avanzadilla", a que se encargará de que todo se esfarele definitivamente.
Nas súas páxinas Achebe é quen de transmitirnos importantes aspectos da cultura ibo, o seu o seu sentido de pertenza á terra, as relacións familiares (fermosísima a descrición do concepto de nai), os seus ritos ancestrais, o seu sentido da xustiza ou mesmo a cruedalde dalgúns dos seus costumes. Ao mesmo  tempo crea en Okonkwo un personaxe que se enfronta ao dilema de elexir entre a súa ansia de liderazgo e o amor aos seus, despiadado ás veces e que  non é quen de enfrontarse ou comprender os seus propios sentimentos a pesares da súa probada fortaleza.
Pero pouco a pouco vanse introducindo elementos alleos na vida dos ibo. "Dende o primeiro momento, igrexa e educación foron da man" e así, o sr. Brown, un intelixente misioneiro tolerante, vaise facendo sitio nos poboados de Umofia comezando por convertir aos parias. A confrontación das distintas culturas acabará coa vida de Okonkwo e será o fin da cultura ibo.
O final do libro coa súa referencia ao colonialismo é maxistral:
A historia deste home (Okonkwo) que matara un oficial e se colgara resultaría ben interesante. Case daba para escribir un capítulo enteiro. Se cadra un capítulo enteiro non, pero un bo párrafo abofé que si. Era tanto o que tiña para escribir, que había que ser estrito para non estenderse en detalles. Despois de darlle moitas voltas, xa escollera o título do libro: "A pacificación das tribos primitivas do Baixo Níxer"