2014/10/05

Os Papalibros ven monicreques

O pasado venres 3 de outubro os Papalibros estreamos programa de actividades extraescolares asistindo a representación de "Poemas Visuales", dentro do Festival Internacional de Títeres Galicreques 2014.
Esta actividade, que tiña como destinatarios ao alumnado e Reforzo de 1º Ciclo de ESO e aos Papalibros, encadra perfectamente dentro do tema de traballo da biblioteca para o presente curso, Homo habilis, que centra a atención na importancia da habilidade manual na nosa cultura. Así vimos como as habilidades de tres artistas foron capaces de vida a infinidade de letras que se transformaban en persoas, animais, cousas...
"Poemas Visuales" é un espectáculo de títeres de variña que os titiriteiros, vestidos de negro, manipulan sobre unha mesa cun telón de fondo negro. As marionetas son letras e tiras brancas que se combinan para formar personaxes que tanto poden bailar un delicado ballet coma un zapateado flamenco ou facer un perigosísimo salto de pértiga. A súa linguaxe é universal porque o emprego do idioma, castelán, é mínimo e predominan a música e as onomatopeias.
Despois do espectáculo fixemos un rápido percorrido pola zona vella, vimos a catedral por fóra e gustáronnos especialmente os mimos da praza do obradoiro, que parecían auténticas estatuas do apóstolo Santiago e un anxo.
Quédanos pendente unha visita máis calmada da zona vella de Santiago e da catedral, porque aínda que vivimos en pleno camiño de Santiago, algúns Papalibros non coñecen nada ben estes lugares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario