2014/06/14

DESPEDIDA DAS PAPALIBROS ADULTAS

O mércores 11 de xuño tivemos a nosa última sesión de club de adultos deste curso 2013/14. A hora foi un pouco antes do habitual, nunha estupenda tarde que xa preludiaba o verán, e o lugar desta vez non foi a nosa biblioteca, senón a casa de Maruxa, unha das nosas lectoras que nos convidou a un exquisito pan recén cocido no forno de pedra da súa casa, na aldea de Agra, a 20 minutos de Melide.
As nosas nosas lecturas para comentar eran, coma sempre, un cómic e unha novela: La casa dorada de Samarcanda, unha aventura de Hugo Pratt protagonizada por Corto Maltés; e Botchan, de Natsume
Soseki, un clásico da literatura xaponesa.

La casa dorada de Samarcanda fixo as delicias dalgunhas lectoras. Hugo Pratt é un mestre en mesturar ficción e realidade histórica, e nesta aventura coloca ao noso heroe Corto Maltés no Oriente próximo convulso dos anos 20 do pasado século, pouco despois da primeira guerra mundial. Corto, infatigable aventureiro, vai na busca do tesouro de Alexandre Magno, seguindo a pista doutro aventureiro histórico, E. Trelawny, que fora amigo de Byron e Shelley. O noso heroe comenza o seu periplo na illa grega de Rodas, continúa por Turquía e percorre o Kurdistán, Pakistán, Afganistán... onde topa con persoeiros históricos coma Enver Bey, un dos Xovenes Turcos que lideraron a revolución que convertíu a Turquía nunha nación moderna e tamén un dos responsables do xenocidio armenio. Ademais das numerosas referencias históricas, o álbum está cheo de guiños ao mundo clásico: Casandra, a amiga de Corto que adiviña o futuro, o seu irmán Narciso, a viaxe de Xasón... Pero talvez o mellor de todo sexa ese xenial personaxe, Corto Maltés, un heroe romántico, cosmopolita, auténtico galán de amores platónicos, audaz pero temperado, inalterable e tranquilo nos momentos de perigo, nobre e xeneroso... que ten como contrapartida a Rasputín, o seu amigo medio delicuente, medio aventureiro, mullereiro, vengativo, cruel e en todo punto excesivo.

Botchan é unha simpática novela de Natsume Soseki, escritor consagrado da literatura xaponesa, que narra as venturas e desventuras dun xoven e novato profesor de secundaria, destinado a unha provincia remota do Xapón. O protagonista, Botchan (que en xaponés significa "neno consentido"), sufrirá as novatadas non só dos alumnos, senón tamén de parte do claustro de profesores, que se aproveitarán da súa inocencia para levar a cabo os seus plans de promoción persoal, con fins pouco educativos. A historia amósanos unha sociedad xaponesa de principios de século XX, en plena Era Meiji, que é testemuña da descomposición do sistema feudal e do nacemento dunha nación moderna que ameaza con convertirse nunha gran potencia, despois de derrotar a Rusia en 1905.

Pero ademais das nosas lecturas falamos de infinidade de temas e escoitamos simpáticas e interesantes historias persoais, como a de Mary, que conseguiu mercar a súa primeira colección de libros traballando na taquilla da histórica discoteca Escorpio, despois Xanadou e actualmente Palladium. Falamos da nosa infancia e dos nosos hábitos lingüísticos, de porque moitos lectores/as rexeitan ler en galego ou lles custa máis.
Botamos moito de menos a Isabel, Amparo, Isa, Trini... que non puideron asistir. Agardamos seguir véndonos no próximo curso e desexamos un verán feliz, cheo de boas lecturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario