2014/05/21

CONTRATO CON DIOS

Como lecturas do mes de abril no club de adultos escollemos La vida ante si (La vie devant soi, na versión francesa que algunha lectora se atreveu a ler) de R. Gary e Contrato con Dios, a novela gráfica de W. Eisner. Sería imposible falar aquí dos dous libros como merecen, pois a nosa hora e media de reunión fíxosenos curta.
La vida ante si é unha novela ambientada nunha banlieue de Paris nos anos 50, onde Momó, o protagonista, narra a súa infancia e incipiente adolescencia na casa da señora Rosa, unha antiga madame xudea que malvivía criando aos fillos das prostitutas. O ton narrativo é unha mestura de inxenuidade e clarividencia, de ternura e dureza que fan da novela un relato agridoce cheo de frases maxistrais que ben poderían convertilo nun compendio de citas.

Contrato con dios, na edición de Norma editorial, é unha triloxía de W. Eisner, que ademais da obra do mesmo título, abarca Ansia de vivir e La avenida Dropsie. O fío conductor das tres parte é a Avenida Dropsie, unha rúa de New York testimuña da historia e da evolución da cidade. Nela vanse asentando por quendas emigrantes de distintas procedencias: holandeses, ingleses, irlandeses, alemáns, italianos, xudeus, hispanos, negros e por último xitanos... todos eles "opóñense ao que chega". Aínda que a auténtica protagonista é a rúa, hai historias maxistrais como a de Jacob, que comeza envexando a unha cascuda porque ela non ten a necesidade de responder á pregunta "para que vivimos?", abóndalle coa súa ansia de vivir para sobrevivir. Coincidimos con R. Crumb en considerar esta segunda parte da triloxía, Ansia de vivir, coma unha obra mestra.
Ademais do seu contido literario e artístico, esta triloxía dá conta dos principais acontementos que marcaron a historia de EEU do s. XX, e en particular aqueles relacionados co pobo xudeu, polo que se convirte nunha amena e acertada crónica da historia recente norteamericana.

Ningún comentario: