2014/12/07

SINSAJO, A PELÍCULA

Aproveitando que aínda non comezou o agobio dos exames da 1ª avalaiación, o pasado xoves 4 achegámonos até Lugo para ver no cine Sinsajo, esa tan esperada terceira parte de Os xogos da fame. Algunhas e algúns papalibros apuraron apuraron a lectura deste último volume da triloxía, porque hai moito maniático/a a quen lle gusta ler primeiro o libro e logo ver a película.
Nesta entrega vimos como a superheroína e protagonista, Katniss Everdeen, se atopa no distrito 13 despois de acabar cos Xogos da Fame. Dende este distrito rebelde, Katniss tratará de salvar a Peeta, que se atopa en poder do Capitolio, o goberno central que controla de forma totalitaria os demais distritos.
Ao igual que nas entregas anteriores, Sinsajo está plagado de referentes clásicos: a nosa protagonista recórdanos a unha Artemisa ou Diana cazadora, destra no manexo do arcoe que nos gusta de comprometerse cos homes. Ao igual que na antiga Roma o poder reside no Capitolio, o conxunto dos distritos forman a nación de Panem ("pan" en latín, talvez referíndose a ese "panem et circenses" que maxistrados romanos daban ao pobo para contentalo. A listaxe de personaxes do mundo antigo é longa, por un lado temos aos personaxes hitóricos Plutarch (Plutarco), un dos últimos papeis que interpretou Ph. Seymour, Mesalla, Cesar, aos que engadimos Cinna, Séneca... que foron eliminados nos volumes anteriores por orden da máxima autoridade, o temible Presidente Snow. Por outra banda temos personaxes mitolóxicos como os xemelgos fillos de Zeus Cástor e Pólux, a troiana Crésida e outros moitos que deixamos para os estudiosos de cultura clásica. Pero o peor de todo foi que só ao rematar a película algúns nos decatamos de que aínda queda unha segunda parete de Sinsajo, e esta parte nos deixa con un Peeta entolecido polo lavado de cerebro que lle fixeron no Capitolio. Teremos que agardar á estrea da segunda parte, para o ano que vén.

2014/10/27

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se no medio do verán interrumpíamos as nosas vacacións para dar a triste nova do pasamento de Xaquín Yebra, agora, cos nosos sentimentos máis repousados, quixemos dalgún xeito "corresponder" a este profesor e amigo por todo o que nos aportou como alumnas e alumnos, compañeiros, profesores, lectores..., e sobre todo, como persoas.

O noso obxectivo, cando ideamos este acto, no era só honrar a memoria de Xaquín, profesor inesquecible para unha gran parte da comunidade escolar do IES de Melide. Queríamos tamén recordar que Xaquín foi un loitador incansable de causas xustas, recuperador da memoria histórica, defensor dos dereitos dos presos, asistente e apoio e de calquera persoa desprotexida ante a lei... e, en resumo, UNHA BOA PERSOA.

Xaquín era extremadamente culto, lector infatigable a quen os libros non distanciaron do mundo e da xente, senón que o fixeron mellor persoa. Compartía o seu saber, observábanos a todos e cada un de nós e era quen de adiviñar a lectura, o libro, o poema que nos ía encantar, que ía cambiar a nosa vida. Ensinaba Historia de forma diferente, a través de lecturas, centrándose nas cuestións realmente importantes. Nunca escondeu o seu compromiso social, foi unha persoa coherente.
Con todos estes elementos era difícil que a Homenaxe que se lle dedicou o pasado 25 de Outubro non fose fortemente emotiva.

O acto foi conducido maxistralmente por Zeltia Laya, exalumna do IES de Melide, e nel participamos un gran número de persoas que tiñamos en común o noso afecto por Xaquín. Despois da benvida a cargo do director do centro, Jaime Couto, Edi Carregal, exprofesora do IES de Melide, abriu o acto cun poema seu dedicado a Xaquín. Seguiu un recital poético a cargo do alumnado de 2º BAC, case todos eles ex-alumnos de Xaquín, que leron unha selección de textos cos que Xaquín nos fora agasallandoa todos ao longo destes anos. Diego Q. Sesar leu tamén un poema de seu dedicado ao profesor. Genaro, antigo conserxe, dirixiu a prantación dun carballo mentres Mini e Mero interpretaban as súas melodías.

Xa na biblioteca, agora "Biblioteca Xaquín Yebra", un pequeno grupo de alumnas e alumnos de música, dirixido por David Canoura, interpretou melodías de Bartok e música xitana, mentres se recitaban os últimos poemas, textos de Bertold Brecht, Juan Ramón Jiménez, Miguel Hernández, Blake, Jean Rhys.... Abriuse unha quenda de diferentes intervencións, inaugurada por Lucía e Elisa, muller e filla de Xaquín, que fixeron o esforzo de compartir con nós este día, a pesares de que a súa dor aínda estaba latente. Interviron familiares, amigos como Fernanda Cedrón, Quico Martínez e Carlos Cimadevila, do colectivo defensor da memoria histórica, antigos presos e os seus familiares, alumnas, exalumnos, profesores, exprofesores... todos a quen a benquerenza a Xaquín foi quen de xuntarnos.

Aínda que o mellor agasallo para a comunidade escolar do IES de Melide foi a presenza de Xaquín e o que nos aportou durante todos estes anos, a biblioteca recibiu, ademais, dous fermosos agasallos: un retrato de Xaquín e unha fermosa porta de arte africana.

O acto foi sinxelo, sentido e moi fermoso. Foi unha xornada que serviu para esconxurar a nosa tritura grazas, en gran parte, ao bo facer do alumnado do IES de Melide, os máis sinceiros parabéns.

2014/10/05

Os Papalibros ven monicreques

O pasado venres 3 de outubro os Papalibros estreamos programa de actividades extraescolares asistindo a representación de "Poemas Visuales", dentro do Festival Internacional de Títeres Galicreques 2014.
Esta actividade, que tiña como destinatarios ao alumnado e Reforzo de 1º Ciclo de ESO e aos Papalibros, encadra perfectamente dentro do tema de traballo da biblioteca para o presente curso, Homo habilis, que centra a atención na importancia da habilidade manual na nosa cultura. Así vimos como as habilidades de tres artistas foron capaces de vida a infinidade de letras que se transformaban en persoas, animais, cousas...
"Poemas Visuales" é un espectáculo de títeres de variña que os titiriteiros, vestidos de negro, manipulan sobre unha mesa cun telón de fondo negro. As marionetas son letras e tiras brancas que se combinan para formar personaxes que tanto poden bailar un delicado ballet coma un zapateado flamenco ou facer un perigosísimo salto de pértiga. A súa linguaxe é universal porque o emprego do idioma, castelán, é mínimo e predominan a música e as onomatopeias.
Despois do espectáculo fixemos un rápido percorrido pola zona vella, vimos a catedral por fóra e gustáronnos especialmente os mimos da praza do obradoiro, que parecían auténticas estatuas do apóstolo Santiago e un anxo.
Quédanos pendente unha visita máis calmada da zona vella de Santiago e da catedral, porque aínda que vivimos en pleno camiño de Santiago, algúns Papalibros non coñecen nada ben estes lugares.

2014/10/04

VOLVEMOS COAS NOSAS XUNTANZAS DOS MÉRCORES

Como todos os anos por estas datas, os Papalibros voltamos coas nosas actividades e o mércores 1 de outubro tivemos a nosa primeira reunión co alumnado de 1º ciclo de ESO. Seguindo os nosos costumes,  xantamos xuntos no xardín do instituto aproveitando o bo tempo, collemos algún libro da biblioteca e falamos dalgún libro que nos gustou, como as triloxías Diverxente, os Xogos da Fame ou a serie de manga Zelda, da que xa temos os dez primeiros números na biblioteca.
Comezamos anunciando xa actividades como a asistencia ao Galicreques 2014, o Festival internacional de Títeres que se celebra cada ano a principios de outubro en Santiago de Compostela.

2014/06/25

DESPEDIDA DOS PAPALIBROS EN FURELOS

Como en anos anteriores e grazas a que o tempo acompañou, os Papalibros puidemos facer o pasado mércores 18 de xuño a nosa despedida na praia fluvial de Furelos.
Xuntámonos os clubs de 1º, 2º e 3º de ESO, se ben é certo que coa actividade frenética que tivemos a pasada semana no instituto algúns Papalibros tiveron que quedar a difrentes ensaios de teatro e música, para preparar o impresionante concerto que tivo lugar o venres 20.
É unha realidade que os Paplibros sempre participan nun montón de actividades ademais do club de lectura, moitos mércores deste curso os profes case tiñamos que "rifarnos" ao alumnado para poder levar adiante outros proxectos como Cine en curso, Lights, camera, action!, Cineforum... Esta circunstancia fixo que nos dispersaramos un pouco máis e que non levásemos a cabo actividades que fixemos o ano pasado, como unha viaxe da máis de un día, que si que botamos de menos...
A pesares de que fixemos poucas saídas, a maioría dos Papalibros teñen intención de seguir o curso próximo e nós facemos "propósito da emenda" para non defraudalos.
Moi bo verán a todas e todos, cheo de lecturas marabillosas!!

2014/06/14

DESPEDIDA DAS PAPALIBROS ADULTAS

O mércores 11 de xuño tivemos a nosa última sesión de club de adultos deste curso 2013/14. A hora foi un pouco antes do habitual, nunha estupenda tarde que xa preludiaba o verán, e o lugar desta vez non foi a nosa biblioteca, senón a casa de Maruxa, unha das nosas lectoras que nos convidou a un exquisito pan recén cocido no forno de pedra da súa casa, na aldea de Agra, a 20 minutos de Melide.
As nosas nosas lecturas para comentar eran, coma sempre, un cómic e unha novela: La casa dorada de Samarcanda, unha aventura de Hugo Pratt protagonizada por Corto Maltés; e Botchan, de Natsume
Soseki, un clásico da literatura xaponesa.

La casa dorada de Samarcanda fixo as delicias dalgunhas lectoras. Hugo Pratt é un mestre en mesturar ficción e realidade histórica, e nesta aventura coloca ao noso heroe Corto Maltés no Oriente próximo convulso dos anos 20 do pasado século, pouco despois da primeira guerra mundial. Corto, infatigable aventureiro, vai na busca do tesouro de Alexandre Magno, seguindo a pista doutro aventureiro histórico, E. Trelawny, que fora amigo de Byron e Shelley. O noso heroe comenza o seu periplo na illa grega de Rodas, continúa por Turquía e percorre o Kurdistán, Pakistán, Afganistán... onde topa con persoeiros históricos coma Enver Bey, un dos Xovenes Turcos que lideraron a revolución que convertíu a Turquía nunha nación moderna e tamén un dos responsables do xenocidio armenio. Ademais das numerosas referencias históricas, o álbum está cheo de guiños ao mundo clásico: Casandra, a amiga de Corto que adiviña o futuro, o seu irmán Narciso, a viaxe de Xasón... Pero talvez o mellor de todo sexa ese xenial personaxe, Corto Maltés, un heroe romántico, cosmopolita, auténtico galán de amores platónicos, audaz pero temperado, inalterable e tranquilo nos momentos de perigo, nobre e xeneroso... que ten como contrapartida a Rasputín, o seu amigo medio delicuente, medio aventureiro, mullereiro, vengativo, cruel e en todo punto excesivo.

Botchan é unha simpática novela de Natsume Soseki, escritor consagrado da literatura xaponesa, que narra as venturas e desventuras dun xoven e novato profesor de secundaria, destinado a unha provincia remota do Xapón. O protagonista, Botchan (que en xaponés significa "neno consentido"), sufrirá as novatadas non só dos alumnos, senón tamén de parte do claustro de profesores, que se aproveitarán da súa inocencia para levar a cabo os seus plans de promoción persoal, con fins pouco educativos. A historia amósanos unha sociedad xaponesa de principios de século XX, en plena Era Meiji, que é testemuña da descomposición do sistema feudal e do nacemento dunha nación moderna que ameaza con convertirse nunha gran potencia, despois de derrotar a Rusia en 1905.

Pero ademais das nosas lecturas falamos de infinidade de temas e escoitamos simpáticas e interesantes historias persoais, como a de Mary, que conseguiu mercar a súa primeira colección de libros traballando na taquilla da histórica discoteca Escorpio, despois Xanadou e actualmente Palladium. Falamos da nosa infancia e dos nosos hábitos lingüísticos, de porque moitos lectores/as rexeitan ler en galego ou lles custa máis.
Botamos moito de menos a Isabel, Amparo, Isa, Trini... que non puideron asistir. Agardamos seguir véndonos no próximo curso e desexamos un verán feliz, cheo de boas lecturas.

2014/06/06

VII Xornada dos clubs de lectura

Este venres 6 de xuño o club de lectura Papalibros acode unha vez máis nas xornadas de clubs de lectura de toda Galicia que soen celebrarse nestas datas en Santiago, pero esta vez farao dun xeito máis activo, participando na mesa redonda: "Unha visión sobre as lectoras e os lectores dos clubs de lectura e o papel da persoa mediadora".
Compartiremos mesa con coordinadoras de clubs de lectura moi activos, como Gracia Santorum do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coautora de Trafegando Ronseis, un blog de referencia; con Mª Xesús Sarmiento do IES San Mamede (Maceda, Ourense) e Ana Belén Durán Pernas, do IES Xograr Afonso Gómez, ambos clubs de lectura cos blogs Pasamos páxina e Biblioxograr.
Os Papalibros teremos a oportunidade de expor a nosa opinión sobre clubs de lectura e o papel do mediador, só agardamos poder estar a altura de tan boa compaña.

2014/06/03

DIVERGENT, SESIÓN DE CINE PARA OS PAPALIBROS

O pasado xoves 23 de maio, o club de lectura Papalibros, xunto coas alumnas/os de outras actividades extraescolares (a nosa emisora Falamelide, Cine en curso, Cineforum, "Lights, camera, action"...) disfrutamos dunha sesión de cine en Lugo.
A película elixida foi Divergent, baseada na novela de Veronica Roth, primera dunha triloxía tamén co mesmo título. Esta triloxía é un dos grandes éxitos dos Papalibros neste curso 2013-14 e forma pate de toda esta serie de triloxías de moda ambientadas nun futuro distópico. Na nosa última reunión falamos un pouco de que ven sendo iso de distópico, de distopía. A distopía sería o contrario da utopía, algo non desexable, malo, que se moitas veces se atopa nun futuro imaxinario que non supón un empeoramento das condicións de vida. É ese futuro que vemos en Os xogos da fame, Diverxente, a saga Delirium...
En Diverxente preséntasenos unha sociedade dividida en faccións que no seu día se crearon para evitar os males que conduciron a unha terrible guerra. Estas faccións levan os nomes de virtudes como Osadía, Abnegación, Cordialiade, Erudición e Verdade. A idade de 16 anos os mozos e mozas deben "elexir" a que facción queren pertencer, atendendo as súas porpias características e aos resultados dun test. Beatrice, a protagonista, descubre que ela ten características polas que podería formar parte de
diferentes faccións, é unha diverxente e a súa vida correrá perigo.
Se viches a película e che apetece ler os libros, pásate pola biblioteca, e a ver se hai sorte e os exemplares non están prestados!

2014/05/21

CONTRATO CON DIOS

Como lecturas do mes de abril no club de adultos escollemos La vida ante si (La vie devant soi, na versión francesa que algunha lectora se atreveu a ler) de R. Gary e Contrato con Dios, a novela gráfica de W. Eisner. Sería imposible falar aquí dos dous libros como merecen, pois a nosa hora e media de reunión fíxosenos curta.
La vida ante si é unha novela ambientada nunha banlieue de Paris nos anos 50, onde Momó, o protagonista, narra a súa infancia e incipiente adolescencia na casa da señora Rosa, unha antiga madame xudea que malvivía criando aos fillos das prostitutas. O ton narrativo é unha mestura de inxenuidade e clarividencia, de ternura e dureza que fan da novela un relato agridoce cheo de frases maxistrais que ben poderían convertilo nun compendio de citas.

Contrato con dios, na edición de Norma editorial, é unha triloxía de W. Eisner, que ademais da obra do mesmo título, abarca Ansia de vivir e La avenida Dropsie. O fío conductor das tres parte é a Avenida Dropsie, unha rúa de New York testimuña da historia e da evolución da cidade. Nela vanse asentando por quendas emigrantes de distintas procedencias: holandeses, ingleses, irlandeses, alemáns, italianos, xudeus, hispanos, negros e por último xitanos... todos eles "opóñense ao que chega". Aínda que a auténtica protagonista é a rúa, hai historias maxistrais como a de Jacob, que comeza envexando a unha cascuda porque ela non ten a necesidade de responder á pregunta "para que vivimos?", abóndalle coa súa ansia de vivir para sobrevivir. Coincidimos con R. Crumb en considerar esta segunda parte da triloxía, Ansia de vivir, coma unha obra mestra.
Ademais do seu contido literario e artístico, esta triloxía dá conta dos principais acontementos que marcaron a historia de EEU do s. XX, e en particular aqueles relacionados co pobo xudeu, polo que se convirte nunha amena e acertada crónica da historia recente norteamericana.

2014/05/16

A PRIMAVERA DOS PAPALIBROS


Por fin sae o sol e os Papalibros puidemos facer unhas das cousas que maís nos gustan, despois de comer as nosas pizzas de costume, ler estomballados na herba. A estas alturas de curso case ninguén se atreve a empezar un libro "gordo", polo que algunhas se decantan polas lecturas pendendes de clase (E Xoel a prendeu a volar) e outros por cómics, sobre todo os que tratan a temática da segunda guerra mundial, como Érase una vez en Francia ou La prórroga, que incorporamos hai pouco á nosa biblioteca. Os dous sitúan a súa acción na Francia ocupada, pero mentres La prórroga se centra no heroico papel da resistencia, Érase una vez en Francia ocúpase dese lado escuro que ao pobo francés lle custa admitir, o seu colaboracionismo coa ocupación nazi.
Agardamos que o tempo se manteña e poidamos facer algunha sesión na nosa praia fluvial de Furelos, coma outros anos.

2014/04/25

23 DE ABRIL, DIA DO LIBRO

Este mércores 23 de abril tivemos unha das nosas reunións de Papalibros, de 2º de ESO neste caso, e non quixemos deixar pasar a oportunidade para facer algunhas recomendacións dos nosos libros favoritos, bota un ollo.

2014/04/23

TODO SE ESFARELA, UN POUCO DE LITERATURA AFRICANA

Neste proceso de inmersión noutras literaturas que tentamos facer de cando en vez no club de adultos, tocoulle a quenda a África, con Todo se esfarela (ou Todo se desmorona, na súa versión en castelá) do nixeriano Chinua Achebe.
A acción desenvólvese a finais do século XIX nun conxunto de poboados ibo, unha das etnias maioritarias de Nixeria, e relata a vida Okonkwo, lider local e campeón en loita. Aínda que a vida de Okonkwo sofre avatares varios que debilitarán ou seu liderazgo, será a chegada do colonialismo británico precedido dos misioneiros cristiánsa modo de "avanzadilla", a que se encargará de que todo se esfarele definitivamente.
Nas súas páxinas Achebe é quen de transmitirnos importantes aspectos da cultura ibo, o seu o seu sentido de pertenza á terra, as relacións familiares (fermosísima a descrición do concepto de nai), os seus ritos ancestrais, o seu sentido da xustiza ou mesmo a cruedalde dalgúns dos seus costumes. Ao mesmo  tempo crea en Okonkwo un personaxe que se enfronta ao dilema de elexir entre a súa ansia de liderazgo e o amor aos seus, despiadado ás veces e que  non é quen de enfrontarse ou comprender os seus propios sentimentos a pesares da súa probada fortaleza.
Pero pouco a pouco vanse introducindo elementos alleos na vida dos ibo. "Dende o primeiro momento, igrexa e educación foron da man" e así, o sr. Brown, un intelixente misioneiro tolerante, vaise facendo sitio nos poboados de Umofia comezando por convertir aos parias. A confrontación das distintas culturas acabará coa vida de Okonkwo e será o fin da cultura ibo.
O final do libro coa súa referencia ao colonialismo é maxistral:
A historia deste home (Okonkwo) que matara un oficial e se colgara resultaría ben interesante. Case daba para escribir un capítulo enteiro. Se cadra un capítulo enteiro non, pero un bo párrafo abofé que si. Era tanto o que tiña para escribir, que había que ser estrito para non estenderse en detalles. Despois de darlle moitas voltas, xa escollera o título do libro: "A pacificación das tribos primitivas do Baixo Níxer"

2014/03/21

LOS IGNORANTES, A COMPLICIDADE ENTRE O COMIC E A CULTURA DO VIÑO

No club de lectura de adultas/os seguimos a nosa fructífera inmersión no mundo do cómic. Nesta ocasión limos Los ignorantes, o último álbum de E. Davodeau, que da conta do ano que pasou o autor xunto co seu amigo viticultor Richard Leroy. Unha convivencia de dous expertos no seu facer, cómic e viño respectivamente, pero tamén ignorantes no campo do outro no que se irán iniciando coa mutua axuda. Xurde entón unha fermosa metáfora ao comparar o proceso de produción do viño, co proceso de creación dun libro. Cando Étienne aprende a podar, Richard comeza a ler os seus primeiros cómic e sen querer as lectoras/es imos iniciándonos nos dous campos.
A par que degustamos virtualmente a bodega de Richard e vemos os progresos no bacelo van desfilando ante nós grandes autores de cómic, na súa maioría franceses, como Gibrat, Moebius, Juillard, Trondheim... e grandes obras como Maus ou Watchmen. Davodeau escolle os tons grises e ocres para a súa historia, pero non por elo a imaxe perde luminosidade ou matices, quedando perfectamente perfilado o cambio das estacións ou a evolución dos personaxes. Magníficos os listados finais de comics lidos e viños "bebidos", a modo de memoria deste proceso de iniciación. Sinal de que o libro cumpriu o seu cometido é que algunhas lectoras sucumbimos as citas doutros comics, a modo das miguiñas de pan sinalando o camiño, e limos outros títulos como El Fotógrafo, de D. Lefèvre, seguindo a pista dalgúns personaxes do libro.
E para ambientar o noso encontro no club de lectura de adultos, que mellor que que unha boa degustación de viño de Monterrei e viandas da Terra de Melide.

2014/01/30

30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ


Dentro das actividades organizadas para o Día da Paz, que podedes consultar en Biblomelide, na biblioteca seleccionamos uns cantos libros e películas que tratan este tema.
Contamos con novidades relacionadas coa segunda guerra mundial, tema que suscitou interese nos Papalibros máis pequenos, xa que que ne 1º de ESO están vendo películas como O neno co pixama de raias ou A Lista de Schindler. Na nosa mesa está La segunda guerra mundial, un libro de contidos asquibles ben ilustrado, editado en Alhambra- Pearson; cómics como el Gran duque, unha historia de aviadoras rusas e pilotos alemáns, Érase una vez en Francia, sobre o colaboracionismo francés cos nazis; ou El vuelo del cuervo, que da conta das aventuras de Jeanne, un moza que colabora coa Resistencia e o pillabán François.

Tamén temos novidades editoriais como Yo soy Malala, que non necesita presentación, a novela gráfica Thoreau, o la vida sublime, que da conta da vida do pioneiro do ecoloxismo e a desobediencia civil ou Los surcos del azar, a última novela gráfica de Paco Roca, que desenterra do esquecemento a loita dos exiliados republicanos despois da guerra civil seguiron loitando contra o fascismo e participaron na liberación de Paris polos aliados.

Deixámovos cunha páxina deste álbum, onde Paco Roca, coa súa habitual mestría, é quen de construír unha emotiva historia humana ao tempo que recupera a memoria histórica de tantos loitadores olvidados.