2013/12/16

SESIÓN INTERXENERACIONAL

Este é o aspecto da nosa última sesión deste ano 2013: nais, pais, alumnas, profes e unha antiga alumna do centro que está a facer o seu máster no IES de Melide, para poder ser tamén profesora (se a crise non o impide...) Como soe acontecer os primeiros mércores de mes, o club de adultos reuniuse na biblioteca á hora da merenda do mércores 4 de decembro. Os libros dos que nos ocupamos nesta sesión eran, Patrimonio, una historia verdadera, de Ph. Roth e a novela gráfica Maus, de Art Spiegelman. Esta última ven sendo xa un clásico no noso club de lectura, como podedes ver noutras entradas deste blog.
En todas as ocasións, contamos co apoio da Rede de Bibliotecas públicas galegas, que nos facilitaron unha chea de exemplares para que todas e todos puidésemos ler o libro a un tempo. Así ao tempo que se lía Maus no club de adultos, as nosas fieis lectoras de 2º ciclo de ESO facían outro tanto. Que mellor, entón, que facer unha sesión mixta?.
Acompañad@s de café e pastas, cos Papalibros non pode ser doutro xeito, demos conta unha vez máis deste clásico do cómic, premio Pulitzer en 1992, pioneiro dunha nova vía na novela gráfica contemporánea con base histórica e autobiográfica, fronte a vía de superheroes, tipo Watchmen, ou costumbrista de w. Eisner. Está claro que o holocausto é un tema ben documentado e inesgotable, que nos deu pé a falar doutros libros e películas. Maus non só nos conta a Historia, senón tamén esta outra historia con minúscula, a historia dos homes e mulleres que refiren os seus sufrimentos en primeira persoa. Sufrimentos que van máis alá das víctimas e son herdados por unha segunda xeración que non se cre con dereito a levar unha vida tan fácil, como é o caso do autor, Art Spiegelman, que decide contar a historia do seu pai non só para preservar á súa memoria, senón como purga dun pasado poboado de mortos. Temos, entón dúas liñas temporais: a historia de supervivencia de Vladeck (a Historia) e convivencia de Archy (Art Spiegleman)co seu pai e o seu pasado familiar.
As nosas Papalibros vanse facendo unhas expertas en cómic e empezan a apreciar detalles como fondos, texturas, tipos de viñetas, ou o espléndido uso de animais antropomórficos que representan unha etnia ou país. Certo que a nosa hora e media pasou voando e teremos que deixar o estupen libro de Roth, Patrimonio, una historia verdadera, para o novo ano.
E aproveitamos a ocasión para desexarvos un feliz nadal cheo de boas lecturas, e un aninovo aínda mellor. Non esquezades provervos de fondos na nosa biblioteca, imprescindibles para pasar o inverno.

Ningún comentario: