2013/05/14

NADA, de Carmen Laforet

O club de lectura de Papalibros adultos arrancou con forza e goza de boa saúde, a xulgar polas sesións celebradas.
Aínda que tiñamos varios títulos para comentar, Nada de Carmen Laforet ocupou a maior parte do noso tempo.
Andrea, a protagonista desta novela, chega en plena postguerra a Barcelona para estudiar na universidade. As súas ilusións e expectativas véñense abaixo tan pronto entra na casa da súa avoa, onde dará cunha familia sumida na miseria moral e material, na que os seus membros, destrozados pola guerra, intentan sobrevir ao fracaso persoal en medio do odio e sordidez. Fronte a este mundo escuro de perdedores está o ambiente universitario, no que os compañeiros de Andrea, de extracción social máis alta, teñen outros horizontes e perspectivas e, sobre todo, esperanzas e posibilidades de futuro. Son os que conseguiron sobrevivir á guerra (ou incluso os que sacaron bo partido dela) como Ena, a mellor amiga de Andrea, e a súa familia, que se contrapoñen á familia da protagonista coa súa luminosidade, aínda que tamén teñen as súas zonas de sombra.
A guerra apenas se menciona, deixa barcos afundidos e ruínas na cidade, pero está omnipresente en todos os personaxes, marcando a vencedores e vencidos. Con só 23 anos Carmen Laforet fai unha radiografía da sociedade española da primeira postguerra, representada nesta familia da rúa Aribau, amosándonos xentes sen recursos, sen esperanzas, empuxadas á crueldade para a súa supervivencia. Resúltanos chamativo como este tono aterrador de denuncia puido pasar desapercibido para a censura franquista, que non só permitiu a publicación da novela, senón tamén a concesión do primeiro Premio Nadal en 1944.
A prosa de Laforet é fermosa, áxil e sinxela, ao tempo que profunda e contundente. Non menos interesante é a galería de personaxes que nos mostra, os dous tíos varóns que se odian pero se aman, talvez metáfora deses españois que se viron envoltos nunha guerra fratricida; o cruel, despiadado pero tamén apaixonado Román, a maltratada Gloria a quen a súa simpleza non dá alternativa, a xenerosa avoa que fracasa na educación dos seus fillos, a reprimida Angustias e a súa dobre moral... un mundo asfixiante de entolecidos pola guerra do que Andrea só poderá escapar coa axuda dos vencedores, Ena e a súa familia. Tampouco é alentador o panorama intelectual, encarnado na panda de "artista bohemios", fillos de papá totalmente vacuos cos que se reúne Andrea.
Moitas de nós leramos a novela moitos anos antes, cando tiñamos a iade da protagonista, e esta nova lectura permitiunos ver estes otros aspectos e compartilos nesta enriquecedora sesión.
Na próxima reunión, que xa será será a última deste curso, falaremos de O club da calceta, de M. Reimóndez, Afirma Pereira, de Tabucchi e O lapis do carpinteiro, de M. Rivas... se nos acumula o choio!

Ningún comentario: