2013/05/21

LENDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Unha lectura dramatizada de textos de Animaliños foi a homenaxe que as e os Papalibros fixeron a Vidal Bolaño, autor dedicatario das Letras Galegas neste ano 2013.
Roberto Vidal bolaño foi ante todo un home de teatro, nas súas versións de autor e actor, segundo as súas propias palabras: "Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Foi un home comprometido coa nosa cultura, unha figura fundamental para a creación do teatro nacional galego profesional. Foi un home rebelde, díscolo e icómodo ás veces, en palabras de Camilo Franco  “non se acomodou. Non se deixou levar, monologou cun mundo que non sempre escoitaba e a súa obra segue tan viva que revitalizará ao longo de todo un sector escénico enfrontado á súa crise continua”.
En Animaliños abórdase a sociedade actual e a súa relación coa natureza. Como noutras obras, Vidal Bolaño recurre ao humor e a ironía para contarnos a historia duns veciños dunha urbanización que se ven atacados por unha praga de caracois. A obra artéllase es escenas polas que desfilan toda unha serie de personaxes satirizados con mestría: representantes da cultura oficial e veciños urbanitas de todo tipo recén hipotecados.
Os e as Papalibros, como en ocasión anteriores, non dubidaron e presentarse voluntarias e voluntarios, para deleitarnos coa lectura dalgunhas escenas coa súa habitual eficacia. Non quedou dúbida que deberíamos explotar máis as dotes interpretativas dalgúns Papalibros.
Rematamos este pequeno tributo ao autor coa proxección de fragmentos da filmografía máis representativa do homenaxeado, Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas

Ningún comentario: