2013/04/15

BALZAC Y LA JOVEN COSTURERA CHINA

Este é o título do primeiro libro que limos no club de lectura de adultos. Certo é que, como propúñamos máis abaixo, os Papalibros non teñen idade e conseguimos formar un pequeno e xeitoso grupo de once persoas que promete aumentar. Hai algunha profe, nais de alumnas/os e exalumnas/os... e estamos desexando que se incorpore algunha alumna/o que "ameazou" con vir. De momento as nosas reunións son na biblioteca, pero co bo tempo e os días longos pensamos xuntarnos nalgunha terraciña ou mesmo no xardín do instituto... O que non falta nas nosas reunións é café e algo doce para acompañar, como ben vedes na foto.
Falamos de moitos libros que lemos ou estamos a ler, pero o noso primeiro libro en común foi Balzac y la joven costurera china, de Dai Sijie, que en xeral gustou moito. A novela cóntanos a historia de dous mozos chineses que nos anos 70 do pasado século son enviados polo goberno á Montaña do Fénix, unha zona rural afastada da súa vila, a "reeducarse". A reeducación mediante o traballo era un proceso frecuente durante a Revolución cultural chinesa imposta por Mao Zedong, que obrigou a realizar traballos forzados a millóns de persoas consideradas inimigas do réxime.
Dai, o protagonista, contará en primeira persoa as penalidades compartidas co seu compañeiro Luo nunha sociedade rural que vive en condicións extremas, na que a única evasión é a asistencia esporádica a un cine na vila máis próxima. No medio da miseria e sordidez un feito cambiará a vida dos dous mozos: a aparición dunha maleta chea de libros prohibidos de autores occidentais como Balzac, Dumas ou Romain Rolland. A lectura despertará sentimentos novos e paixóns e permitirá a Dai e Luo, convertidos en contadores de historias, engaiolar aos seus veciños e conquistar o amor dunha xoven costureira, a maior beleza da Montaña do Fénix. O proceso de reeducación parece invertirse, xa que son os dous mozos os que "reeducan" ás xentes da montaña cambiando as súas vidas.
O que máis nos gustou do libro foi a mensaxe de que a literatura (e o cine) sálvanos, devolvénos a dignidade e conciencia de que somos humanos en medio dun sistema alienante ou mesmo en situacións límite. A lectura descóbrenos novos mundos, permítenos vivir outras vidas ou pode empuxarnos, como á xoven costureira, a conquistar a nosa liberdade e a cambiar o noso destino. Destacamos tamén a poesía da prosa de Dai Sijie que transforma a miseria en beleza, e que a modo de cámara de cine detense e deléitase coa fermosura das pequenas cousas que fan a vida soportable.
A nosa próxima reunión será o mércores 8 de maio e nela imos comentar as nosas lecturas propostas: O club da calceta, de María Reimóndez e Nada de Carmen Laforet. Agardámosvos na biblioteca ás 19.00 horas con café e libros!!.

Ningún comentario: