2013/12/16

SESIÓN INTERXENERACIONAL

Este é o aspecto da nosa última sesión deste ano 2013: nais, pais, alumnas, profes e unha antiga alumna do centro que está a facer o seu máster no IES de Melide, para poder ser tamén profesora (se a crise non o impide...) Como soe acontecer os primeiros mércores de mes, o club de adultos reuniuse na biblioteca á hora da merenda do mércores 4 de decembro. Os libros dos que nos ocupamos nesta sesión eran, Patrimonio, una historia verdadera, de Ph. Roth e a novela gráfica Maus, de Art Spiegelman. Esta última ven sendo xa un clásico no noso club de lectura, como podedes ver noutras entradas deste blog.
En todas as ocasións, contamos co apoio da Rede de Bibliotecas públicas galegas, que nos facilitaron unha chea de exemplares para que todas e todos puidésemos ler o libro a un tempo. Así ao tempo que se lía Maus no club de adultos, as nosas fieis lectoras de 2º ciclo de ESO facían outro tanto. Que mellor, entón, que facer unha sesión mixta?.
Acompañad@s de café e pastas, cos Papalibros non pode ser doutro xeito, demos conta unha vez máis deste clásico do cómic, premio Pulitzer en 1992, pioneiro dunha nova vía na novela gráfica contemporánea con base histórica e autobiográfica, fronte a vía de superheroes, tipo Watchmen, ou costumbrista de w. Eisner. Está claro que o holocausto é un tema ben documentado e inesgotable, que nos deu pé a falar doutros libros e películas. Maus non só nos conta a Historia, senón tamén esta outra historia con minúscula, a historia dos homes e mulleres que refiren os seus sufrimentos en primeira persoa. Sufrimentos que van máis alá das víctimas e son herdados por unha segunda xeración que non se cre con dereito a levar unha vida tan fácil, como é o caso do autor, Art Spiegelman, que decide contar a historia do seu pai non só para preservar á súa memoria, senón como purga dun pasado poboado de mortos. Temos, entón dúas liñas temporais: a historia de supervivencia de Vladeck (a Historia) e convivencia de Archy (Art Spiegleman)co seu pai e o seu pasado familiar.
As nosas Papalibros vanse facendo unhas expertas en cómic e empezan a apreciar detalles como fondos, texturas, tipos de viñetas, ou o espléndido uso de animais antropomórficos que representan unha etnia ou país. Certo que a nosa hora e media pasou voando e teremos que deixar o estupen libro de Roth, Patrimonio, una historia verdadera, para o novo ano.
E aproveitamos a ocasión para desexarvos un feliz nadal cheo de boas lecturas, e un aninovo aínda mellor. Non esquezades provervos de fondos na nosa biblioteca, imprescindibles para pasar o inverno.

2013/10/18

Brújulas que buscan sonrisas perdidas

Esta é unha das últimas adquisicións da biblioteca, pensando sobre todo no nutrido grupo de fans de Albert Espinosa que temos entre os nosos (ou máis ben nosas) Papalibros. A particularidade deste libro é que conseguimos que o propio autor asinara e dedicara un exemplar ao noso club de lectura, ao seu paso pola libraría Cronopios de Santiago de Compostela. Nesta novela Albert Espinosa trata temas como o amor, a famila, a sinceiriade e as segundas oportunidades nunha historia protagonizada por eses personaxes inesquecibles que caracterizan a súa obra. Reproducimos aquí un pequeno fragmento para abrivos o apetito:
Nunca dejaré de buscar mi archipiélago de sinceridad... ¿Quieres formar parte de él? «Jamás nos mentiremos... Escúchame bien, eso implica algo más que ser sincero... En este mundo mucha gente es falsa... Las mentiras te rodean... Saber que existe un archipiélago de personas que siempre te dirán la verdad vale mucho... Quiero que formes parte de mi archipiélago de sinceridad...» «Saber que puedes confiar en la otra persona, que nunca te mentirá, que siempre te dirá la verdad cuando se lo pidas, no tiene precio... Te hace sentir fuerte, muy poderoso...» «Y es que la verdad mueve mundos... La verdad te hace sentir feliz... La verdad creo que es lo único que importa...»
Aquí tedes unha crítica do libro: http://alcalordeloslibros.blogspot.com.es/2013/06/brujulas-que-buscan-sonrisas-perdidas.html. Fans de Espinosa, o libro está agardando por vós na biblioteca do IES de Melide.

2013/10/17

VOLVEN @S PAPALIBROS!!

Como cada outono, o club de lectura Papalibros do IES de Melide comeza a súa actividade. Despois das presentacións na primeira semana de outubro, onde @s Papalibros nov@s se informaron de horarios e actividades, comezamos @s veteran@s de 2º ciclo de ESO as nosas reunións aos mediodías xa no primeiro luns de outubro. O mércores 16 xantamos xuntos os primeiro ciclo e eramos tantos no noso lugar habitual de reunión-comida que tivemos que sacar todas as cadeiras dun aula! Este ano pretendemos levar a cabo proxectos que o ano pasado quedaron no camiño, como os programas "Os papalibros recomendan" para a nosa emisora de radio Falamelide, e continuar con outros que tiveron moito éxito o ano pasado, como as saídas, a poder ser máis dun día. Se o ano pasado desfrutamos tanto no TAC de Valladolid, este ano talvez podamos asistir ao festival de monicreques Titirimundi de Segovia... e se non é Segovia, será outro destino. Tamén presentamos o tema monográfico que imos traballar este curso na biblioteca "Un ano de película", polo que o cine estará moi presente nas nosas actividades, xa que cine e literatura a miúdo andan collidos da man.
Nestas primeiras reunións fixemos un balance das lecturas do verán e decidimos dar continuidade a algunhas das series e sagas que introducimos a fin de curso: mercamos Pandemonium, a segunda parte de Delirium; Zafiro e Esmeralda, para continuar Rubí, continuamos a saga Legados de Lorien (Soy el número cuatro) con El poder del seis e El ascenso del nueve, e algunha novidade máis que podedes a topar na mesa da biblioteca. Temos que dicir que as rapazas e rapaces do 1º ciclo de ESO son os máis participativos en actividades do instituto. Ademais de club de lectura, os mércores tamén teñen Cineforum de sociais e a actividade "Luces, cámara, acción!!" que coordina o departamento de inglés no marco dos contratos progama, polo que os profes que estamos implicados en todo isto temos que facer "quendas" con eles/as.
O club de adultos arrancou tamén o mesmo día que os máis pequenos, o mércores 16 de outubro en horario de tarde-noite. Como é costume nos Papalibros tamén "papamos", merenda neste caso, como podedes ver na foto. Decidimos comezar con dúas lecturas bastante diferentes, que teñen en común que ambas foron levadas ao cine: a novela gráfica Persépole, de M.Satrapi e A clase, de F. Bégaudeau. A lectura destas obras é posible grazas as eficientes xestións da Biblioteca de Galicia, que nos facilita sempre con prontitude os exemplares precisos, grazas, compañeiros! E aos que todavía non vos decidistes, consultade na biblioteca o próximo día de reunión e vide probar!

2013/06/22

DESPEDINDO O CURSO CO LAPIS DO CARPINTEIRO E CRUZ CONCHEIRO

Moitos eran os libros dos que tiñamos pendente falar na nosa última sesión dos Papalibros adultos: Afirma Pereira, O club de Calceta, Cinco horas con Mario... pero todo o noso tempo foi para o Lapis do carpinteiro. Á parte de que a novela o mereza, a presenza da nosa compañeira Cruz Concheiro fixo que as case dúas horas da nosa sesión nos resultasen curtas. Cruz, sobriña neta de Chonchiña Concheiro, en quen se inspira o personaxe de Marisa Mallo, deunos conta desa historia real de amor, guerra e represión que inspirou a Manuel Rivas a súa novela. Grazas a ela coñecimos vidas fascinantes que ás veces poden superar a ficción e  a delicada e case máxica relación que existe entre a realidade e a creación literaria.
O tempo, en efecto, voou e quedáronnos por comentar outros aspectos, xa máis literarios, da obra. Tamén nos quedaron moitas ganas de coñecer a pequena biografía de Chonchiña que se publicou en México. Malia a falta de tempo, foi un remate estupendo para despedir este curso.
Ao final, as Papalibros cargáronse de libros a toda présa para devorar no verán. Facendo unha valoración algo apurada, podemos afirmar que o club de lectura foi un espazo no que nos atopamos moi cómodas dende o principio e no que cada vez afondamos e abormados máis temas, que teñen a lectura como punto de partida a lectura. Contamos con continuar a nosa actividade no outono, no comezo do curso e non vai haber sesión que nos chegue para falar de todo o que nos apeteza. Feliz verán e felices lecturas, Papalibros!

2013/06/21

Despedimos o curso

Pois a diferenza doutros anos, desta vez o tempo impediunos facer a nosa despedida en Furelos, festexo que inauguramos o curso pasado, e tivémos que conformar con comer no porche cuberto do instituto. Menos mal que Xan, o da cafetería, que ven sendo como o noso Mecenas, nos aprovisionou de mesas e cadeiras. Neste día aproveitamos para facer un montón de préstamos de verán. Viñamos de gastar gran parte do noso presuposto en novedades e case todas se emprestaron: Soy el número cuatro, Divergente, Rubí, Generación Dead, Rojo, Las Torres de Malory, os novos títulos de R. Riordan, ou A Evolución de Calpurnia Tate (versión galego) voaron da mesa de novidades, ataviada nesta ocasión como recuncho de praia. Case todos/as os Papalibros contan seguir no club o ano que ven, co cal teremos un par de grupos ben nutridos nos mediodías dos luns e dos mércores. Feliz verán e moita lectura.

2013/06/18

VIAXE A VALLADOLID E SEGOVIA

Por fin conseguimos facer un vídeo da viaxe que as/os Papalibros e alumanos de Cultura clásica fixemos no mes de maio a Valladolid e Segovia. En Valladolid asistimos ao TAC (Teatro y Artes de Calle) e vimos uns espectáculos moi variados e de gran calidade. Unha idea de teatro diferente da que levaban algúns dos nosos viaxeiros/as. A viaxe foi estupenda e o alumnado, como xa é costume en Melide, respondeu de marabilla. Así calquera organiza viaxes!

2013/06/01

DESPEDIDA AS ALUMNAS E ALUMNOS DE 2º DE BAC

Este ano o alumnado de 2º de BAC quixo despedirse do centro celebrando unha gran festa de graduación. O club de lectura Papalibros, aínda que non se sumou aos "fastos" do día, quixo aportar algo e facer un pequeno agasallo ao alumnado que marcha, seguindo o seu camiño fóra xa do instituto. E como este foi un ano no que andivemos a voltas coas viaxes, que mellor despedida que A Viaxe a Itaca, de K. Kavafis, ilustrada con algunhas das viaxes das nosas alumnas e alumnos? É unha inciativa que xa fixemos outros anos, pero que este ano ampliamos gustosamente a todo o alumnado. Desexando que o IES de Melie vos ofrecese fermosas mercancías, que a vosa viaxe sexa longa, chea de aventuras e chea de coñecemento. Nos ficamos agradecidos pola parte de camiño que compartimos con vós.

2013/05/21

LENDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Unha lectura dramatizada de textos de Animaliños foi a homenaxe que as e os Papalibros fixeron a Vidal Bolaño, autor dedicatario das Letras Galegas neste ano 2013.
Roberto Vidal bolaño foi ante todo un home de teatro, nas súas versións de autor e actor, segundo as súas propias palabras: "Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Foi un home comprometido coa nosa cultura, unha figura fundamental para a creación do teatro nacional galego profesional. Foi un home rebelde, díscolo e icómodo ás veces, en palabras de Camilo Franco  “non se acomodou. Non se deixou levar, monologou cun mundo que non sempre escoitaba e a súa obra segue tan viva que revitalizará ao longo de todo un sector escénico enfrontado á súa crise continua”.
En Animaliños abórdase a sociedade actual e a súa relación coa natureza. Como noutras obras, Vidal Bolaño recurre ao humor e a ironía para contarnos a historia duns veciños dunha urbanización que se ven atacados por unha praga de caracois. A obra artéllase es escenas polas que desfilan toda unha serie de personaxes satirizados con mestría: representantes da cultura oficial e veciños urbanitas de todo tipo recén hipotecados.
Os e as Papalibros, como en ocasión anteriores, non dubidaron e presentarse voluntarias e voluntarios, para deleitarnos coa lectura dalgunhas escenas coa súa habitual eficacia. Non quedou dúbida que deberíamos explotar máis as dotes interpretativas dalgúns Papalibros.
Rematamos este pequeno tributo ao autor coa proxección de fragmentos da filmografía máis representativa do homenaxeado, Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas

2013/05/14

NADA, de Carmen Laforet

O club de lectura de Papalibros adultos arrancou con forza e goza de boa saúde, a xulgar polas sesións celebradas.
Aínda que tiñamos varios títulos para comentar, Nada de Carmen Laforet ocupou a maior parte do noso tempo.
Andrea, a protagonista desta novela, chega en plena postguerra a Barcelona para estudiar na universidade. As súas ilusións e expectativas véñense abaixo tan pronto entra na casa da súa avoa, onde dará cunha familia sumida na miseria moral e material, na que os seus membros, destrozados pola guerra, intentan sobrevir ao fracaso persoal en medio do odio e sordidez. Fronte a este mundo escuro de perdedores está o ambiente universitario, no que os compañeiros de Andrea, de extracción social máis alta, teñen outros horizontes e perspectivas e, sobre todo, esperanzas e posibilidades de futuro. Son os que conseguiron sobrevivir á guerra (ou incluso os que sacaron bo partido dela) como Ena, a mellor amiga de Andrea, e a súa familia, que se contrapoñen á familia da protagonista coa súa luminosidade, aínda que tamén teñen as súas zonas de sombra.
A guerra apenas se menciona, deixa barcos afundidos e ruínas na cidade, pero está omnipresente en todos os personaxes, marcando a vencedores e vencidos. Con só 23 anos Carmen Laforet fai unha radiografía da sociedade española da primeira postguerra, representada nesta familia da rúa Aribau, amosándonos xentes sen recursos, sen esperanzas, empuxadas á crueldade para a súa supervivencia. Resúltanos chamativo como este tono aterrador de denuncia puido pasar desapercibido para a censura franquista, que non só permitiu a publicación da novela, senón tamén a concesión do primeiro Premio Nadal en 1944.
A prosa de Laforet é fermosa, áxil e sinxela, ao tempo que profunda e contundente. Non menos interesante é a galería de personaxes que nos mostra, os dous tíos varóns que se odian pero se aman, talvez metáfora deses españois que se viron envoltos nunha guerra fratricida; o cruel, despiadado pero tamén apaixonado Román, a maltratada Gloria a quen a súa simpleza non dá alternativa, a xenerosa avoa que fracasa na educación dos seus fillos, a reprimida Angustias e a súa dobre moral... un mundo asfixiante de entolecidos pola guerra do que Andrea só poderá escapar coa axuda dos vencedores, Ena e a súa familia. Tampouco é alentador o panorama intelectual, encarnado na panda de "artista bohemios", fillos de papá totalmente vacuos cos que se reúne Andrea.
Moitas de nós leramos a novela moitos anos antes, cando tiñamos a iade da protagonista, e esta nova lectura permitiunos ver estes otros aspectos e compartilos nesta enriquecedora sesión.
Na próxima reunión, que xa será será a última deste curso, falaremos de O club da calceta, de M. Reimóndez, Afirma Pereira, de Tabucchi e O lapis do carpinteiro, de M. Rivas... se nos acumula o choio!

2013/04/15

BALZAC Y LA JOVEN COSTURERA CHINA

Este é o título do primeiro libro que limos no club de lectura de adultos. Certo é que, como propúñamos máis abaixo, os Papalibros non teñen idade e conseguimos formar un pequeno e xeitoso grupo de once persoas que promete aumentar. Hai algunha profe, nais de alumnas/os e exalumnas/os... e estamos desexando que se incorpore algunha alumna/o que "ameazou" con vir. De momento as nosas reunións son na biblioteca, pero co bo tempo e os días longos pensamos xuntarnos nalgunha terraciña ou mesmo no xardín do instituto... O que non falta nas nosas reunións é café e algo doce para acompañar, como ben vedes na foto.
Falamos de moitos libros que lemos ou estamos a ler, pero o noso primeiro libro en común foi Balzac y la joven costurera china, de Dai Sijie, que en xeral gustou moito. A novela cóntanos a historia de dous mozos chineses que nos anos 70 do pasado século son enviados polo goberno á Montaña do Fénix, unha zona rural afastada da súa vila, a "reeducarse". A reeducación mediante o traballo era un proceso frecuente durante a Revolución cultural chinesa imposta por Mao Zedong, que obrigou a realizar traballos forzados a millóns de persoas consideradas inimigas do réxime.
Dai, o protagonista, contará en primeira persoa as penalidades compartidas co seu compañeiro Luo nunha sociedade rural que vive en condicións extremas, na que a única evasión é a asistencia esporádica a un cine na vila máis próxima. No medio da miseria e sordidez un feito cambiará a vida dos dous mozos: a aparición dunha maleta chea de libros prohibidos de autores occidentais como Balzac, Dumas ou Romain Rolland. A lectura despertará sentimentos novos e paixóns e permitirá a Dai e Luo, convertidos en contadores de historias, engaiolar aos seus veciños e conquistar o amor dunha xoven costureira, a maior beleza da Montaña do Fénix. O proceso de reeducación parece invertirse, xa que son os dous mozos os que "reeducan" ás xentes da montaña cambiando as súas vidas.
O que máis nos gustou do libro foi a mensaxe de que a literatura (e o cine) sálvanos, devolvénos a dignidade e conciencia de que somos humanos en medio dun sistema alienante ou mesmo en situacións límite. A lectura descóbrenos novos mundos, permítenos vivir outras vidas ou pode empuxarnos, como á xoven costureira, a conquistar a nosa liberdade e a cambiar o noso destino. Destacamos tamén a poesía da prosa de Dai Sijie que transforma a miseria en beleza, e que a modo de cámara de cine detense e deléitase coa fermosura das pequenas cousas que fan a vida soportable.
A nosa próxima reunión será o mércores 8 de maio e nela imos comentar as nosas lecturas propostas: O club da calceta, de María Reimóndez e Nada de Carmen Laforet. Agardámosvos na biblioteca ás 19.00 horas con café e libros!!.

2013/03/22

OS PAPALIBROS RAPEAN

Para celebrar o fin de avaliación e descansar un pouco dos exames, na última reunión dos Papalibros antes das vacacións de semana santa tivemos un invitado moi especial, Serxio García, cantante do grupo de hip hop Dios Ke Te Crew. García falounos un pouco da historia do hip hop e das súas raíces na cultura popular. Despois deunos uns cantos consellos e ideas e puxémonos a rapear. Velaí un pequeno resumo desta xornada.

2013/03/13

XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países nos que antes tiveron os seus fogares e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufrimento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animar aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

2013/02/01

Os Papalibros non teñen idade

Estamos convencidos de que na vila de Melide hai un montón de lectores/as e posiblemente a moitos deles lles guste compartir as súas lecturas. E por que a actividade dos Papalibros ha de estar recluída no IES de Melide?. Os papalibros estamos desexando entrar nos fogares, nos bares e comercios, percorrer rúas e camiños da Terra Melide. Por iso é que decidimos tentar crear un club de lectura de adultos. O noso plan é ler un libro en común, consensuado por todas/os, e facer unha reunión mensual no instituto (ou noutro lugar agradable) para comentar a nosa lectura e todo o que se nos ocurra. Os horarios, como veredes no formulario que segue, serán produto da eleción maioritaria. Só necesitas ter ganas de ler e compartir, anímate a ser Papalibros e envíanos este formulario:

2013/01/31

Viaxando nos antigos veleiros dos s. XVIII

O pasado mércores, no noso horario habitual de reunión, tivemos a sorte de poder disfrutar na biblioteca dunha charla sobre os antigos veleiros dos s. XVIII e XIX a cargo de Couso, o profe de Educación Física, que resultou ser todo un experto na materia. Esta charla xa fora impartida antes de Nadal na biblioteca, dentro do noso tema deste ano "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". Despois dun pequeno repaso pola historia da navegación, coñecimos as características dos grandes veleiros: o proceso de construción, partes do veleiro e vocabulario naval, a vida nos veleiros, a importancia da mariña de guerra na historia de Europa nestes séculos... Couso ata nos trouxo unha reprodución dun pequeno canón que funcionaba de verdade e nos fixo unha proba de disparo... que susto paparon algúns/as!! As explicacións, ademais de estar ilustradas con imaxes e gráficos, estiveron acompañadas de fragmentos da película Master and Comander, que conseguiron que durante unha hora nos sentísemos dentro dun barco. Pasámolo estupendamente, descubrimos unha faceta descoñecida de Couso, aprendimos palabras como barlovento, sotavento, babor, largar ou cobrar cabos e nos quedaron gans de ver completa a película Master and Comander, que temos na biblioteca.

2013/01/18

Ângelo Torres, contador de historias

Para inaugurar o ano 2013, os Papalibros contamos coa presenza de Ângelo Torres, contador de historias, nado en Guinea e criado en Sâo Tomé e Príncipe. Àngelo Torres fixo dúas sesións no IES de Melide, unha a última hora da mañá para alumndao de 1º de BAC e outra para Papalibros na que, como é costume noso e facendolo gala do noso nome, xantou con nós. Ao principio parece que nos custaba algo entender, pero logo fumos afacendo a orella e xa nin nos enterábamos que falaba nun idioma que non era exactamente o noso. Àngelo contounos historias que aprendera da súa avoa, contos que ela lles contaba aos nenos coa condición de que se bañasen. Gostamos moito das súas historias, especialemente daquela que nos contaba como a tía Miseria conseguira reter e a Morte e só accedeu a soltala se non a levaba con ela. Por iso é que miseria non nos deixa nunca. Tanto nos gustaron as historias, que pro aproveitar ao noso contacontos case non chegamos á primeira hora de clase da tarde do mércores. Ângelo non marchou do instituto, sen pasar antes pola nosa emisora Falamelide, para que lle fixesen unha entrevista. Podes ver este video para coñecer un pouco o traballo de Ângelo Torres.