2012/06/24

AXENDAS PARA OS PAPALIBROS E FELIZ VERÁN!!

Na última semana de clases agasallamos aos Papalibros cunha axenda, na que podemos anotar as nosas lecturas e calquera dato de libros ou autores que nos interesen. Xosé Tomás, como non, deseñou esta libretiña tan xeitosa e cómoda para levar a calquera lado, sobre todo ás nosas reunións. Agora só nos queda ver quen a remata antes, e para rematala hai que "papar" noventa libros!! Pero iso non é un problema porque temos Paplibros que batiron récords, como Miriam unha campiona de S1A, si primeiro de ESO, que no que vai de curso leva lidos cincuenta e tantos libros.
Pois veña, que temos un verán por diante para vaixar a Idade Media, a antiga Roma, aos mares do sur, á Grecia clásica, ao exipto faraónico, incluso a un futuro non desexable... da man de personaxes fantásticos, mozos aventureiros, vampiros seductores, rapaces con poderes secretos, namoradas e namorados, estudantes fracasados, descubridores de tesouros, vellos que viviron moito, mozas que loitan por sobrevivir... todo isto nas túas mans con só abrir un libro, porque a lectura non entende de crises. Felices soños, felices vacacións!!!

2012/06/18

Os Papalibros en Furelos

O mércores 13 de xuño, como o tempo non o impideu, fumos facer a nosa sesión de Papalibros á praia fluvial de Furelos. Gozamos dun par de horiñas estupendas: comimos, xogamos, algún que outro "perseguiu" á fauna local, tomamos o sol e, sobre todo,lemos. Seguimos lendo os grandes éxitos desta tempada: Los juegos del Hambre, Juego de Tronos... e uns cantos Papalibros acabamos de ler Soy una Matagigantes e por fin descubrimos que sucedía no piso de arriba e cal era a verdadeira identidade dos xigantes que tanto aterrorizaban a Bárbara. Pero non imos desvelar o misterio, porque preferimos que collas o libro, que está agardando no andel de cómics. Tiñamos programada unha viaxe de despedida na praia para o venres 20 de xuño, pero imos ter que deixala para mellor ocasión, xa que o cansanzo e os exames fixeron que moitos Papalibros non se animasen a participar. E por último, deixámovos unha ligazón a un artigo de Carlos Negro no novo xornal galego Sermos Galicia, no que se demostra que lle gustou o noso nome de club de lectura, grazas Carlos.

2012/06/10

SOY UNA MATAGIGANTES

Estes días estamos a ler o cómic Soy una Matagigantes, de J. Kelly e J.M. Ken Niimura, tanto os papalibros dos luns como os dos mércores, porque este é unha obra para todos os públicos. De entrada non parece unha obra fácil. A protagonista é unha nena diferente, con orellas de coello que ás veces cambian a orellas de rato, cornos... le libros raros, de superheroes e xigantes e ela mesma é considerada rara no seu colexio, no que non parece atoparse moi a gusto. Ela é unha mataxigantes e para tal misión garda no seu bolso un martelo, invoca aos poderes de terra e coloca trampas na praia. Bárbara non se sinte comprendida no mundo que a rodea e tampouco se esforza moito por comprender aos outros, polo que crea o seu propio mundo de criaturas fantásticas coas que dialoga. É unha rapaza valiente, di o que pensa na escola diante de profesores, o director, a piscóloga... e é capaz de desafiar a matona do colexio. Sen embargo, cando entra na súa casa ten un medo atroz... algo terrorífico hai no piso de arriba que fai que vaia correndo a esconderse no seu recuncho favorito... E aquí quedamos na última reunión. Algunhas Papalibros non puideron aturar e xa remataron a lectura na casa, pero como nestas datas hai moito que estudar, a maioría dos Papalibros deixou a Bárbara, a protagonista, amendrentada no piso de abaixo. Pero que pasa arriba? estarán alí os monstros e xigantes tan temidos?