2012/04/23

DÍA DO LIBRO

Hoxe os e as papalibros recordamos a importancia de algo que é a nosa razón de ser como grupo: os libros. Por sorte, para moitas rapazas e rapaces do instituto a lectura é un hábito, un costume pracenteiro que algúns queren compartir. Aínda que poderíamos dicir moitas cousa acerca da lectura, hoxe escollemos esta frase de Carlos Negro, poeta galego que foi profe neste instituto: "fun descubrindo que a lectura me permitía medrar máis rápido e máis lonxe ca ninguén do meu redor. Así abrín os ollos e volvín nacer".
Se che apetece compartir o pracer de ler, podes quedar a xantar con nós o luns e/ou os mércores. Pregunta na biblioteca.

2012/04/20

AS NOSAS XUNTANZAS DOS MÉRCORES

No último trimestre os e as Papalibros de 1º e 2º de ESO empezamos tamén a xuntarnos os mércores, compartindo lectura e xantar, ao igual que fan os maiores xa dende comezo de curso. Este mércores 18 éramos tantos, que non nos chegaron as cadeiras e sillóns do segundo andar. Xantamos bocatas, comida feita na casa e pizzas. Algúns comeron rapidísimo e tiveron máis tempo para ler. Entre os libros que comentamos estaban Trece años de Blanca de A. Fdez Paz e E Xoel aprendeu a voar, de Marisa Campo, que son lecturas de lingua castelá e galega. Pero as e os máis lectores falaron doutros libros que estaban lendo: Tamara recomendaba Crepúsculo, a novela gráfica, Miriam Marina de Ruiz Zafón, El Barón rampante de I. Calvino, La evolución de Calpurnia Tate e algún que outro máis; Ainhoa Molly Moon y el increíble libro del hipnotismo, Nadia Los Juegos del hambre... Outros libros que leron varios papalibros foron as sagas de Crepúsculo, de S. Meyer, a saga de vampiros de Darren Shan, a triloxía de Conerlia Funke Corazón de tinta...
Como os vampiros parecen estar de moda, o próximo mércores imos ver a película Drácula de Bran Stoker, de Coppola, baseada na novela do mesmo nome e autor, que foi o inicio da literatura de vampiros. Que medo!