2012/02/20

A Mennulara

Despois dunha intensiva etapa de novela negra, as Papalibros escollimos esta novela de Simonetta Agnello Hornby que nos conta a dura vida dunha criada de terratenentes sicilianos. Aínda que non deixa de ser tamén unha novela policíaca, como irán descubrindo as nosas lectoras, quizais predomine máis nela o carácter social, xa que nos retrata a sociedade dunha vila siciliana na primiera metade do s. XX.
A novela comeza coa morte da portagonista, a  Mennulara (a Mennú), alcume de María Rosalía Inzerillo porque de nena recollía améndoas. Decontado descubrimos unha situación curiosa: a pesares de ser unha criada, a súa morte congrega á familia dos seus amos que agardan recibir dela unha herencia. Imos descubrindo como a familia do Alfallipe foi vindo a menos e como a Mennulara chegou a desempeñar o papel de administradora. Esta morte provoca unha serie de reaccións e opinións contrarias acerca da protagonista na vila de Roccacolomba: os seus detractores acúsana de fachendosa e de apropiarse da riqueza dos seus amos, mentres que outros lóubana por ser unha muller traballadora e fiel ata morte á famila dos Alfallipe, evitando a súa ruína total. Pero quen era realmente a Mennulara? era unha simple servinte ou era algo máis? Nas nosas reunións dos luns as Papalibros iremos desetrañando a atractiva trama desta obra.
E volvemos a agradecer á Casa das Asociacións de Santiago de Compostela a súa colaboración cos Papalibros ao facilitarnos de novo exemplares desta obra.