2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.

Ningún comentario: