2012/12/13

12/12/12/12

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnas de 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben grazas a axuda inestimable de David. Varias Papalibros tiveron a boa idea de aprender o poema de memoria. O resultado foi estupendo e pasámolo ben rapeando, Seguramente volveremos grabalo para poder montar un vídeo en serio.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

2012/11/06

Á LUS DO CANDIL

Non hai tantos anos, cando chegaba o inverno coas súas longas noites sin luz eléctrica os nosos avós pasaban seráns nas tabernas e nas casas contando historias a lus do candil. Contos do pasado, cousas da vida, pero tamén historias de mortos e paracedidos, contos de lobos e medo que a escuridade e a proximidade do inverno propiciaban. O título deste artigo está inspirado no coñecido libro de Ánxel Fole, que tamén subtitula Contos a carón do lume, como nós fixemos hai un par de anos á hora de suxerir lecturas para esta época do ano. Os Papalibros máis miudos comezamos as nosas reunións precisamente á véspera do día de defuntos, o día que segundo a antiga tradición celta celebrábase o tan nomeado Samaín. Puxemos a biblioteca a escuras para ambientarnos mellor, limos contos de Ánxel Fole e varios rapaces e rapazas animáronse a ler os seu propios contos de medo ou contar outros que sabían. Dende aquí queremos dar a benvida aos novos Papalibros, que se incorporaron este ano e aos veteranos que se animaron a continuar. Aproveitemos o mal tempo para ler a carón do lume (ou do radiador...)

2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.

2012/10/02

VOLVEN AS/OS PAPALIBROS!!

Despois dun verán intenso no que moitos/as de nós puidemos practicar unha das nosas actividades favoritas, papar libros, volvemos de novo a quedar para falar de viaxes, aventuras, terror, misterio, amor, das cousas que nos preocupan, do que nos gusta, do que nos da medo...., das cousas importantes da vida que nos contan os libros.
Este ano imos seguir facendo reunións a mediodía, xantando xuntos os lus ou os mércores, segundo nos toque ter clase a maiores e máis pequenos. Outros quedaremos nos recreos na biblioteca ou nas aulas de lingua, reforzo, alternativas... O importante e ler e, si nos gusta tanto, por que non contarllo aos demais e compartilo?
Seguiremos facendo saídas coma o ano pasado, algunhas máis cerca, pola contorna e outras en bus.
Pero tamén imos ter algunha novidade este ano. Xa que temos unha emisora de radio, Falamelide, porque non facer uso dela? Se se apuntan uns cantos voluntarios ou voluntarias, imos facer un programiña onde os Papalibros recomenden lecturas. Ide pensando no nome do programa.
Outra novidade é que imos formar, se se apunta xente, un  club de lectura de adultos, e que os Papalibros non teñen idade. Sabemos que a moitas mamás e papás lles gusta ler e que moitos Papalibros len grazas a eles. Pois se xuntamos un grupiño de nais, profes, pais, e toda a xente que lle apeteza.... haberá un club de Papalibros "senior" e quedamos algunha tarde inverno nun sitio agarimoso a compartir lecturas.
Ven a informarte na biblioteca:
Xoves 4 de outubro, no recreo: 1º e 2º de ESO
Venres 5 de outubro no recreo: 3º e 4º de ESO, BAC, Madeira

2012/06/24

AXENDAS PARA OS PAPALIBROS E FELIZ VERÁN!!

Na última semana de clases agasallamos aos Papalibros cunha axenda, na que podemos anotar as nosas lecturas e calquera dato de libros ou autores que nos interesen. Xosé Tomás, como non, deseñou esta libretiña tan xeitosa e cómoda para levar a calquera lado, sobre todo ás nosas reunións. Agora só nos queda ver quen a remata antes, e para rematala hai que "papar" noventa libros!! Pero iso non é un problema porque temos Paplibros que batiron récords, como Miriam unha campiona de S1A, si primeiro de ESO, que no que vai de curso leva lidos cincuenta e tantos libros.
Pois veña, que temos un verán por diante para vaixar a Idade Media, a antiga Roma, aos mares do sur, á Grecia clásica, ao exipto faraónico, incluso a un futuro non desexable... da man de personaxes fantásticos, mozos aventureiros, vampiros seductores, rapaces con poderes secretos, namoradas e namorados, estudantes fracasados, descubridores de tesouros, vellos que viviron moito, mozas que loitan por sobrevivir... todo isto nas túas mans con só abrir un libro, porque a lectura non entende de crises. Felices soños, felices vacacións!!!

2012/06/18

Os Papalibros en Furelos

O mércores 13 de xuño, como o tempo non o impideu, fumos facer a nosa sesión de Papalibros á praia fluvial de Furelos. Gozamos dun par de horiñas estupendas: comimos, xogamos, algún que outro "perseguiu" á fauna local, tomamos o sol e, sobre todo,lemos. Seguimos lendo os grandes éxitos desta tempada: Los juegos del Hambre, Juego de Tronos... e uns cantos Papalibros acabamos de ler Soy una Matagigantes e por fin descubrimos que sucedía no piso de arriba e cal era a verdadeira identidade dos xigantes que tanto aterrorizaban a Bárbara. Pero non imos desvelar o misterio, porque preferimos que collas o libro, que está agardando no andel de cómics. Tiñamos programada unha viaxe de despedida na praia para o venres 20 de xuño, pero imos ter que deixala para mellor ocasión, xa que o cansanzo e os exames fixeron que moitos Papalibros non se animasen a participar. E por último, deixámovos unha ligazón a un artigo de Carlos Negro no novo xornal galego Sermos Galicia, no que se demostra que lle gustou o noso nome de club de lectura, grazas Carlos.

2012/06/10

SOY UNA MATAGIGANTES

Estes días estamos a ler o cómic Soy una Matagigantes, de J. Kelly e J.M. Ken Niimura, tanto os papalibros dos luns como os dos mércores, porque este é unha obra para todos os públicos. De entrada non parece unha obra fácil. A protagonista é unha nena diferente, con orellas de coello que ás veces cambian a orellas de rato, cornos... le libros raros, de superheroes e xigantes e ela mesma é considerada rara no seu colexio, no que non parece atoparse moi a gusto. Ela é unha mataxigantes e para tal misión garda no seu bolso un martelo, invoca aos poderes de terra e coloca trampas na praia. Bárbara non se sinte comprendida no mundo que a rodea e tampouco se esforza moito por comprender aos outros, polo que crea o seu propio mundo de criaturas fantásticas coas que dialoga. É unha rapaza valiente, di o que pensa na escola diante de profesores, o director, a piscóloga... e é capaz de desafiar a matona do colexio. Sen embargo, cando entra na súa casa ten un medo atroz... algo terrorífico hai no piso de arriba que fai que vaia correndo a esconderse no seu recuncho favorito... E aquí quedamos na última reunión. Algunhas Papalibros non puideron aturar e xa remataron a lectura na casa, pero como nestas datas hai moito que estudar, a maioría dos Papalibros deixou a Bárbara, a protagonista, amendrentada no piso de abaixo. Pero que pasa arriba? estarán alí os monstros e xigantes tan temidos?

2012/05/31

OS PAPALIBROS CON CARLOS NEGRO

Comer na biblioteca é algo excepcional, un privilexio só reservado aos Papalibros en datas sinaladas. Este mércores pasado foi unha desas ocasións, pois na nosa reunión semanal tivemos un invitado moi especial, o poeta Carlos Negro, que tamén foi profesor de lingua galega neste centro.
Despois de xantar a comida que traíamos da casa ou que nos preparou Xan na cafetería, tratamos de descubrir que é a poesía. Carlos ofreceunos "poesía por un tubo" e coa súa axuda foron xurdindo moitas ideas. Unha das que máis nos gustou foi que a poesía é como o chocolate, pequena, escura e moi doce. Carlos leunos Freederick e Un poema para curar a los peces, contos nos que vimos como a poesía nos pode traer o sola eas cores inverno ou salvarnos de morrer de aburrimento. Tamén limos unas cantos poemas de Makinaria e incluso fixemos un rap, para esconxurar eses momentos de estupidez ou subidas de adrenalina que a algúns lles poden facer perder a vida cando están ao volante dun coche. Pero o mellor de todo foi o agasallo do final, un verso de amor e un sugus para irmos coa doce sensación da poesía na boca. Se queredes unha valoración desta xornada non tedes máis que mirar as nosas caras nas fotos que tedes aquí abaixo.

2012/05/01

CINEFORUM: DRÁCULA DE BRAM STOKER

Decidimos ver esta película en dúas das nosas sesións dos mércores por dous motivos. O primeiro é que entre as lecturas favoritas das e dos Papalibros abunda o tema dos vampiros: moitas rapazas leron a saga Crepúsculo de S. Meyer ou novelas de Claudia Gray como Medianoche, Adicción... Por outra banda, o 20 de abril celebrouse o centenario da morte de Bram Stoker, o creador do xénero de vampiros coa súa novela Drácula. Por este último motivo, escollemos entre as moitas películas de vampiros existentes, Drácula de Bram Stoker, de F. Coppola. Esta película, a máis fiel á novela de Stoker, non só refire a historia de Drácula, senón que afonda nos sentimentos do protagonista. É dicir, non é só a historia dun ser maldito e terrorífico, senón tamén unha historia de amor: a busca da amada, morta traxicamente, leva ao príncipe Dracul a pactar co mal e convertirse nun ser diabólico que necesita a inmortalidade para atopar o seu amor no tempo. Así, 400 anos despois da morte da súa princesa, Drácula cre atopala reencarnada en Mina, a fermosa prometida de Jonathan Harker, axente inglés que se despraza ata a mansión de Drácula en Transilvania (Rumanía) para tramitar a compra de terreos do príncipe en Londres. Un dos aspectos máis destacados do filme é a súa estética, conseguida mediante unha coidada ambientación, maquillaxe, vestiario e, sobre todo, banda sonora (conseguiu tres óscares en 1992 nestes tres conceptos).
Disfrutamos moito vendo a película, a moitos Papalibros, máis que medo, moitas escenas causáronlle repulsión. Despois da proxección comentamos algúns aspectos interesantes como, por exemplo, a repesentación do mal mediante as distintas formas nas que se encarna Drácula: vampiro, lobo, besta, vello monstroso, bruma verde... o emprego constante das cores branca como símbolo do ben e vermella como símbolo do mal, ou a importancia do amor como forza que libera do mal.
En Drácula tamén vemos temas da literatura universal como o do home que pacta co mal ou co demo para conseguir a sabiduría (Fausto, de Goethe), a eterna xuventude (O retrato de Dorian Gray, de Óscar Wilde), o amor e inmortalidade (Drácula)... ou a nosa lamentable actualidade de tantos personaxes corruptos que tamén pactan con "mal" para conseguir inmensas fortunas. Bo é que polo menos na literatura estes personaxes acaben pagando as súas culpas ou redimidos polo ben.

Aquí vos deixamos a escena culminante da película: a entrega de Mina a Drácula.

2012/04/23

DÍA DO LIBRO

Hoxe os e as papalibros recordamos a importancia de algo que é a nosa razón de ser como grupo: os libros. Por sorte, para moitas rapazas e rapaces do instituto a lectura é un hábito, un costume pracenteiro que algúns queren compartir. Aínda que poderíamos dicir moitas cousa acerca da lectura, hoxe escollemos esta frase de Carlos Negro, poeta galego que foi profe neste instituto: "fun descubrindo que a lectura me permitía medrar máis rápido e máis lonxe ca ninguén do meu redor. Así abrín os ollos e volvín nacer".
Se che apetece compartir o pracer de ler, podes quedar a xantar con nós o luns e/ou os mércores. Pregunta na biblioteca.

2012/04/20

AS NOSAS XUNTANZAS DOS MÉRCORES

No último trimestre os e as Papalibros de 1º e 2º de ESO empezamos tamén a xuntarnos os mércores, compartindo lectura e xantar, ao igual que fan os maiores xa dende comezo de curso. Este mércores 18 éramos tantos, que non nos chegaron as cadeiras e sillóns do segundo andar. Xantamos bocatas, comida feita na casa e pizzas. Algúns comeron rapidísimo e tiveron máis tempo para ler. Entre os libros que comentamos estaban Trece años de Blanca de A. Fdez Paz e E Xoel aprendeu a voar, de Marisa Campo, que son lecturas de lingua castelá e galega. Pero as e os máis lectores falaron doutros libros que estaban lendo: Tamara recomendaba Crepúsculo, a novela gráfica, Miriam Marina de Ruiz Zafón, El Barón rampante de I. Calvino, La evolución de Calpurnia Tate e algún que outro máis; Ainhoa Molly Moon y el increíble libro del hipnotismo, Nadia Los Juegos del hambre... Outros libros que leron varios papalibros foron as sagas de Crepúsculo, de S. Meyer, a saga de vampiros de Darren Shan, a triloxía de Conerlia Funke Corazón de tinta...
Como os vampiros parecen estar de moda, o próximo mércores imos ver a película Drácula de Bran Stoker, de Coppola, baseada na novela do mesmo nome e autor, que foi o inicio da literatura de vampiros. Que medo!

2012/03/30

Arrugas

Como premio á participación no xogo de pistas sobre novela negra organizado pola bilbioteca, un grupo de rapazas e rapaces do IES de Melide acudiron a Santiago a ver Arrugas, a película baseada no cómic do mesmo nome, de Paco Roca. Nela o autor aborda o tema da vellez e do alzheimer contándonos a historia de Emilio, o protagonista que reúne estas dúas condicións e que é ingresado pola súa familia nun xeriátrico. Emilio será axudado polo seu grupo de amigos, e de xeito especial por Miguel, para non ser trasladado á planta dos "asistidos". Discurre ante nós o día a día dun centro de maiores, desplegando unha rica galería de personaxes que amosan os seus medos, as súas emocións, as súas debilidades... nunha mestura xenial de comicidade e tenrura
Ao final todos quedamos cun regusto amargo e tristeiro, sobre todo cando vimos a dedicatoria na pantalla "Aos vellos de hoxe, aos vellos de mañá..." Pero ao mesmo tempo a película transmitiunos unha mensaxe esperanzadora e solidaria: o amor é o que da sentido á nosa vida en calquera circunstancia.
Esta película recibiu dous premios Goya este ano: ao mellor guión adaptado e á mellor película de animación. O cómic recibiu o Premio Nacional de cómic en 2007 e foi recentemente traducido ao galego co título Engurras

2012/02/20

A Mennulara

Despois dunha intensiva etapa de novela negra, as Papalibros escollimos esta novela de Simonetta Agnello Hornby que nos conta a dura vida dunha criada de terratenentes sicilianos. Aínda que non deixa de ser tamén unha novela policíaca, como irán descubrindo as nosas lectoras, quizais predomine máis nela o carácter social, xa que nos retrata a sociedade dunha vila siciliana na primiera metade do s. XX.
A novela comeza coa morte da portagonista, a  Mennulara (a Mennú), alcume de María Rosalía Inzerillo porque de nena recollía améndoas. Decontado descubrimos unha situación curiosa: a pesares de ser unha criada, a súa morte congrega á familia dos seus amos que agardan recibir dela unha herencia. Imos descubrindo como a familia do Alfallipe foi vindo a menos e como a Mennulara chegou a desempeñar o papel de administradora. Esta morte provoca unha serie de reaccións e opinións contrarias acerca da protagonista na vila de Roccacolomba: os seus detractores acúsana de fachendosa e de apropiarse da riqueza dos seus amos, mentres que outros lóubana por ser unha muller traballadora e fiel ata morte á famila dos Alfallipe, evitando a súa ruína total. Pero quen era realmente a Mennulara? era unha simple servinte ou era algo máis? Nas nosas reunións dos luns as Papalibros iremos desetrañando a atractiva trama desta obra.
E volvemos a agradecer á Casa das Asociacións de Santiago de Compostela a súa colaboración cos Papalibros ao facilitarnos de novo exemplares desta obra.

2012/01/10

LUAR NO INFERNO

Este é o título que estamos a ler estes días as Papalibros que quedamos a xantar os luns. Luar no Inferno é a segunda novela de Miguel Anxo Fernández da serie protagonizada por Frank Soutelo, detective de orixe galega afincado en California. Eliximos unha novela policíaca, xa que estes días "Hai un cadáver na biblioteca do IES de Melide", si como o oídes, non tedes maís que entrar á biblioteca e veredes unha silueta terrorífica e unha serie de pistas a deixadas polo asasino.E é que este mes témolo dedicado á novela negra e policíaca e próximamete teremos a oportunidade de participar nun xogo de pistas no que o xénero negro será o protagonista. Así nos imos ambientándonos con Luar no Inferno. Nesta entrega o noso detective Frank Soutelo recibe a vista do seu sobriño Robert, un director de cine independente cun valioso contrato cunha gran produtora para facer unha película, pero con pouca liberdade á hora de rodar. Robert ten un guión sobre a contratación de mozas mexicanas que chegan enganadas a Hollywood, onde terminan facendo películas porno, explotadas como prostitutas, ou asasinadas en snuff movies (películas con asasinatos reais). O noso detective descubrirá porque o productor non quera sacar todo isto á luz. A novela proporciónanos información a situación das mozas hispanas que chegan a a EEUU coa esperanza de triunfar ou simplemente de mellorar unha vida precaria, ao igual que tantos inmigrantes, temas estes e ambientes pouco coñecidos para nós. Pero tal vez o máis atractivo sexa o propio protagonista, Frank Soutelo, no que atopamos unha mestura de retranca galega, autosuficiencia de poli duro, pero tamén afeito aos fracasos do día a día. Ten trazos en común con outros detectives: gosta da boa cociña, cun toque galego a poder ser, aínda que é capaz de seducir mulleres é un solitario empedernido, coida o seu físico e procura estar en forma, pero recibe de vez en cando unhas labazadas... Pero tamén posúe trazos xenuínos: ten solvencia económica debido á súa pouca ortodoxia cada vez que se atopa cun feixe de billetes de dubidosa procedencia... É dicir, parece comulgar con aquilo de "quen rouba a un ladrón ten cen anos de perdón..." Por último, queremos agradecer a colaboración da Casa das Asociacións, do concello de Santiago de Compasotela e ao seu responsable Miguel Vilariño a súa colaboración co noso club de lectura, xa que nos proporcionaron exemplares desta obra por un amplo período de tempo.