2011/11/23

Maleta de Cómics

Nesta segunda quincena de novembro temos no noso instituto unha maleta de cómics, préstamo da Rede de Biblotecas Escolares de Galicia e do CAFI. Nesta maleta, que ten rodas para levar comodamente á aula, podemos atopar moitos dos cómics que xa temos na biblioteca do instituto, dende os clásicos Titín ou Asterix ata títulos máis coñecidos como Emigrantes, Maus, Persépolis, sen saltar xénero negro como As Serpes Cegas, ou cómic histórico como No pasarán!, con ambientación na guerra civil española.
Se aínda non te atreviches a mergullarte no mundo da banda deseñada, esta é unha boa oportunidade. Leva a maleta a túa aula e revolve un pouco, seguro que hai algo que che gusta.

2011/11/16

Comezamos as nosas reunións


Retomamos as nosas sesións de mediodía disfrutando dunhas riquísimas pizzas, made en Melide, e de algo todavía mellor, comida caseira, ademais das nosas lecturas, que tamén alimentan.

Este curso comezamos con banda deseñada, Nómades, a última obra de Xosé Tomás, que ven de presentar en Melide. Para nós é un libro moi especial, porque o seu autor é profe no noso centro e esta circunstancia permítenos coñecer mellor o proceso creativo, detalles e secretos da xestación da obra e, en definitiva esa delicada relación entre creador e creación.

Nómades cóntanos historias de mulleres que teñen que viaxar para sobrevivir. Mulleres que enfrontan o día a día nun lugar que as etiqueta como estranxeiras ou emigrantes, historias de loita e superación persoal que deixan aberta a porta a esperanza, como a historia de Nawal, que é quen de “salvarse” a si mesma e aos seus amigos porque o seu forte é a carreira.

Os debuxos, ademais dunha gran beleza, teñen unha gran forza narrativa, dando conta de detalles sutís e imprescincibles para entender unha historia. O guión, centrado sobre todo no diálogo ou no monólogo interior completa e comenta as imaxes. O resultado é unha fermosa obra e un bocado exquisito para o padal de calquer Papalibros.

2011/11/02

ÚLTIMAS NOVIDADES

Aínda que non pasamos polo blog ata agora, este ano o club de lectura arrincou con forza. De momento temos 65 Papalibros en nómina e sabemos que aínda faltan por apuntarse algúns incondicionais. O grupo máis abundante é o de 1º Ciclo de ESO, como non podía ser de outro xeito. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO son os máis asiduos visitantes da Biblioteca, pero tamén temos un nutrido grupo en 3º e 4º de ESO, uns cantos Papalibros decididos a compartir o xantar ou mediodía dos luns e algúns Bookbusters, que sen dúbida medarán en cantidade.
E para recibir aos nosos lectores, que mellor que libros frescos, recén saídos. Velaí uns cantos títulos en banda deseñada que acabamos de adquirir: máis volumes Bone, clásicos como Mafalda ou Todo 36-39 malos tiempos de Giménez,  V de Vendetta de A. Moore, novidades editoriais como Habibi, de C. Thompson, ou autor de Blankets que tanto gustou o ano pasado, Haarman, el carnicero de Hannover, The Beats, biografía das figuras máis relevanes da xeración beats; unha revisión dos mitos gregos en Greek Street; cómics en galego como Causas Nobres de F. Bueno, cunha fermosísima dedicatoria aos Papalibros, A man do Diaño de Brais Rodríguez, Cabana de Baleeiros de Tokyo... e non podía faltar Nómades, a última entrega de Xosé Tomás, profe neste centro, que nos relata historias de mulleres emigrantes.

Tamén en literatura xuvenil temos algunhas novidades: Os dous primeiros volumes de Crónicas del Reino de la Fantasía, a nova serie de Gerónimo Stilton, Las aventuras de Ulises, tamén de G. Stilton; Reckless, a última triloxía de Cornelia Funke, o primeiro volume de Ulysses Moore, El valle de los Lobos de Laura Gallego, Caperucita Roja. ¿A quien tienes miedo?, La Aventuras de Tintin, la novela, Emily, The strange; El diario de Sofia, libros sobre gladiadores romanos...
E para os maiores, Muerte en Estambul e a recén publicada Con el agua al cuello, as novelas policíacas que nos faltaban de Petros Márkaris, que ven de gañar o VII premio Pepe Carvalho. Mal de pedra, unha interesante novela da escritora sarda Milena Agus ou Fransknstein ou novo Prometeo son algunhas das novidades que atoparás si ves a biblioteca.