2011/02/24

BLANKETS

Blankets é o último título que acabamos de ler os Papalibros. Trátase dunha novela gráfica con guión e debuxo de Craig Thompson, publicado en Astiberri no 2004. É unha historia autobiográfica onde o autor revive a súa infancia e adolescencia nun pobo do estado de Wisconsin (USA). No relato das súas experiencias persoais o protagonista descúbrenos un pai autoritario pertencente á igrexa evanxelista, a relación co seu irmán menor, a presenza constante e opresiva da relixión, o sentimento de marxinación e aillamento na escola..., pero sobre todo o primeiro amor con Rania, que marca un antes e un despois na súa maduración persoal. Seguimos a súa evolución nun interesante xogo temporal, onde Craig vai tirando do fío do pasado a medida que vai sendo capaz de asimilalo.
O debuxo de Thompson, entre o realismo e o onírico, contribúe en gran medida a que o producto final sexa unha obra de gran beleza cun marcado ton intimista. Outro elemento narrativo importante son variedade de recursos usados nas viñetas: os diferentes trazos dos marcos (groso e pouco definido para os malos recordos, falta de marco no que quere resaltar...), o tratamento dos diferentes planos, os bocadillos dentro de bocadillos...
Despois de ler a obra podemos sacar algunha conclusión sobre a ambigüidade do título. "Blankets" significa manto, cobertor; que pode referise tanto ao manto de neve omnipresente que tapa todas as imperfeccións, como ao cobertor confecccionado por Rania, único recordo que conserva dela o protagonista.
A lectura desta novela gráfica enganchou a moitos Papalibros e abriu as portas do mundo do cómic a algún reticente que aínda quedaba. Compartimos varias comidas na aula 106 comentando os debuxos de Craig, a súa vida, os seus problemas... e moitas veces acabamos falando da nosa propia infancia ou adolescencia, en moitos casos non tan diferente da do protagonista. O libro deunos pé para falar de relixión, acoso, discapacitados...e ata de Platón e outras referencias clásicas presentes no libro.

2011/02/19

RESISTENCIA


Esta obra de Rosa Aneiros preséntanos unha viaxe a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Como o seu nome indica, é unha historia de resistencia, de loita pola supervivencia; pero ninguén pode escapar aos designios do tempo, e a vida dos protagonistas viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis.
Especialmente indicada para as persoas ás que lles gusta a historia de Portugal e a loita das mulleres para sobrevivir á adversidade.

2011/02/16

DENSO RECENDO A SALGADO


Denso recendo a salgado son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais. Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado é como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.
Espero que vos guste esta primeira novela de Manolo Portas e que vos sintades engaiolados polas súas historias

2011/02/11

Cartas de amor. Fran Alonso. Ed. Xerais





Esta obra consta de nove relatos en forma de carta encabezados por un título que apunta ao tema central de cada un deles: “Ilegal”, “Desde as tebras”, “Confesión”, “Sáhara, améndoa amarga”, “Zé, volcán de amor”, “O que nunca me preguntaches”, “A carta inesperada”, “A guerra”, “Lonxe”.
Forman un mosaico do mundo actual e botan unha ollada ás vidas tronzadas das protagonistas, que foron levadas polos acontecementos e non puideron vivir seguindo as súas propias escollas. Sofren de saudade, viven con ansia de regreso ao seu país ou á súa vida perdida, agachan a realidade ás familias... Viven no temor dun futuro incerto e a desesperanza é un sentimento común. Guerras, inmigración, exilio e homofobia son as pragas que asolagan o mundo descrito nas cartas.Os protagonistas destas historias intentan vivir con dignidade e soñan cun mundo un pouco mellor do que lle tocou en sorte.
Unha lectura especialmente recomendada para este mes de febreiro, mes do amor, da candeloria e de San Valentiño. Para que vexamos que hai cartas de amor de moitos tipos e situacións moi penosas no mundo actual.

2011/02/09

CONTOS PARA MANUELA


Título: Contos para Manuela
Autor: Mario Pereira
Editorial: Alfaguara Obradoiro
Ano
: 2002
Contos para Manuela son, como o propio autor di, "case contos", reducidos a un principio e tres finais para que o lector escolla o que lle guste máis ou imaxine outros moitos posibles. Falan do iglú que quere marchar a países quentes, do mirasol que non mira para o sol, do peixe atrapado nunha foto, e doutros moitos personaxes que nos engaiolarán nos dezaseis relatos que compoñen esta obra.

Recoméndovolo principalmente @s imaxinativos/as,aos que vos guste inventar as vosas propias historias ou modificalas segundo os vosos desexos.