2011/12/13

A PRAIA DOS AFOGADOS


Nunha praia de Panxón, na ría de Vigo, aparece o cadáver dun mariñeiro coas mans atadas cunha brida de plástico. Os veciños falan dun suicidio, mais as primeiras investigacións amosan unha realidade diferente que levará o inspector Leo Caldas a mergullarse no ambiente mariñeiro da vila, nun universo onde o vento funga historias de naufraxios e de heroes que venceron o mar. Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, en A praia dos afogados, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.

2011/12/02

Encontro de Clubs de Lectura en Santiago de Compostela

O 24 de novembro tivo lugar en Compostela o noso esperado encontro co Club de lectura Retelladores do Galiñeiro do IES Losada Diéguez da Estrada. Saímos a primeira hora da mañá de Melide e a nosa primeira visita foi a Biblioteca da Facultade de Historia, unha biblioteca antiga como a de Hogwarts, a famosa escola de Maxia de Harry Potter. Ademais da beleza do espazo, impresionounos o seu ambiente de recollemento e silencio, algo que non sempre temos na nosa biblioteca do IES de Melide.
Aínda que xa coñeceramos aos nos compañeiros da Estrada na Facultade de Historia, foi na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago onde tivemos o encontro oficial dos clubs de lectura. Comezaron os Retelladores do Galiñeiro coa presentación do seu centro e club de lectura, de recente formación. Poidemos ver, tamén, algúns videos de gran caliade realizadfos polos alumnos e alumnas do IES Losada Diéguez. Na súa quenda, as Papalibros do IES de Melide pasárono mal ao principio, xa que a profe encargada esquecera o seu pen coa presentación no instituto. Menos mal que Loli e Marga, as profes de filosofía que tamén forman parte do Club de Lectura, conseguiron enviarnos o material a tempo.
O xantar foi na cidade da cultura. Tivemos un día estupendo e puidemos facer a nosa sesión de lectura ao soliño do inverno disfrutando da arquitectura vanguardista e das vistas a Santiago.
Pola tarde vimos a película galega Sinbad, adaptación da obra de A. Cunqueiro "Si o vello Sinbad volvese ás Illas" que para algúns non foi fácil de entender. Pero unhas cantas Papalibros captaron perfectamente a mensaxe de Sinbad: as historias, a ficción... a literatura en xeral teñen o poder de facernos felices e salvarmos dunha realidade que as veces nos afoga.

2011/11/23

Maleta de Cómics

Nesta segunda quincena de novembro temos no noso instituto unha maleta de cómics, préstamo da Rede de Biblotecas Escolares de Galicia e do CAFI. Nesta maleta, que ten rodas para levar comodamente á aula, podemos atopar moitos dos cómics que xa temos na biblioteca do instituto, dende os clásicos Titín ou Asterix ata títulos máis coñecidos como Emigrantes, Maus, Persépolis, sen saltar xénero negro como As Serpes Cegas, ou cómic histórico como No pasarán!, con ambientación na guerra civil española.
Se aínda non te atreviches a mergullarte no mundo da banda deseñada, esta é unha boa oportunidade. Leva a maleta a túa aula e revolve un pouco, seguro que hai algo que che gusta.

2011/11/16

Comezamos as nosas reunións


Retomamos as nosas sesións de mediodía disfrutando dunhas riquísimas pizzas, made en Melide, e de algo todavía mellor, comida caseira, ademais das nosas lecturas, que tamén alimentan.

Este curso comezamos con banda deseñada, Nómades, a última obra de Xosé Tomás, que ven de presentar en Melide. Para nós é un libro moi especial, porque o seu autor é profe no noso centro e esta circunstancia permítenos coñecer mellor o proceso creativo, detalles e secretos da xestación da obra e, en definitiva esa delicada relación entre creador e creación.

Nómades cóntanos historias de mulleres que teñen que viaxar para sobrevivir. Mulleres que enfrontan o día a día nun lugar que as etiqueta como estranxeiras ou emigrantes, historias de loita e superación persoal que deixan aberta a porta a esperanza, como a historia de Nawal, que é quen de “salvarse” a si mesma e aos seus amigos porque o seu forte é a carreira.

Os debuxos, ademais dunha gran beleza, teñen unha gran forza narrativa, dando conta de detalles sutís e imprescincibles para entender unha historia. O guión, centrado sobre todo no diálogo ou no monólogo interior completa e comenta as imaxes. O resultado é unha fermosa obra e un bocado exquisito para o padal de calquer Papalibros.

2011/11/02

ÚLTIMAS NOVIDADES

Aínda que non pasamos polo blog ata agora, este ano o club de lectura arrincou con forza. De momento temos 65 Papalibros en nómina e sabemos que aínda faltan por apuntarse algúns incondicionais. O grupo máis abundante é o de 1º Ciclo de ESO, como non podía ser de outro xeito. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO son os máis asiduos visitantes da Biblioteca, pero tamén temos un nutrido grupo en 3º e 4º de ESO, uns cantos Papalibros decididos a compartir o xantar ou mediodía dos luns e algúns Bookbusters, que sen dúbida medarán en cantidade.
E para recibir aos nosos lectores, que mellor que libros frescos, recén saídos. Velaí uns cantos títulos en banda deseñada que acabamos de adquirir: máis volumes Bone, clásicos como Mafalda ou Todo 36-39 malos tiempos de Giménez,  V de Vendetta de A. Moore, novidades editoriais como Habibi, de C. Thompson, ou autor de Blankets que tanto gustou o ano pasado, Haarman, el carnicero de Hannover, The Beats, biografía das figuras máis relevanes da xeración beats; unha revisión dos mitos gregos en Greek Street; cómics en galego como Causas Nobres de F. Bueno, cunha fermosísima dedicatoria aos Papalibros, A man do Diaño de Brais Rodríguez, Cabana de Baleeiros de Tokyo... e non podía faltar Nómades, a última entrega de Xosé Tomás, profe neste centro, que nos relata historias de mulleres emigrantes.

Tamén en literatura xuvenil temos algunhas novidades: Os dous primeiros volumes de Crónicas del Reino de la Fantasía, a nova serie de Gerónimo Stilton, Las aventuras de Ulises, tamén de G. Stilton; Reckless, a última triloxía de Cornelia Funke, o primeiro volume de Ulysses Moore, El valle de los Lobos de Laura Gallego, Caperucita Roja. ¿A quien tienes miedo?, La Aventuras de Tintin, la novela, Emily, The strange; El diario de Sofia, libros sobre gladiadores romanos...
E para os maiores, Muerte en Estambul e a recén publicada Con el agua al cuello, as novelas policíacas que nos faltaban de Petros Márkaris, que ven de gañar o VII premio Pepe Carvalho. Mal de pedra, unha interesante novela da escritora sarda Milena Agus ou Fransknstein ou novo Prometeo son algunhas das novidades que atoparás si ves a biblioteca.

2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2011/05/27

Despedindo Papalibros con El Arte de volar

Un bo remate para as nosas reunións do club de lectura foi este xantar frugal á sombra dunha arbore no xardinciño do noso IES de Melide falando dun libro estupendo: El Arte de volar, novela gráfica con guión de A. Altarribia e debuxos de Kim, editado en Edicións de Ponent.
El Arte de volar cóntanos a historia do pai do guionista, Antonio Altarriba López, un home de orixe humilde que viviu casi todo o século XX nunha España marcada pola Guerra Civil. Esta é unha historia de perdedores, como a de moitos españois que sin terra e sin traballo vislumbraron na II República unha esperanza pola que loitar. Antonio Altarriba tentou voar toda a súa vida, pero só o conseguiu cando se tirou da cuarta planta dun xeriátrico aos noventa anos. A partir deste feito imos reconstruíndo a súa vida da man do seu fillo, seguindo a traxectoria da caída: 3ª planta, 2ª planta... ata chegar ao chan.
Ademais de ser unha espléndida crónica da historia española do s. XX, o libro ven sendo unha radiografía social narrada con exquistez e sutileza en viñetas como aquelas que nos describen a pobreza e mesquindade da vida rural no pobo de Peñaflor, en Aragón, a principios de século, o desalentador exilio en Francia, a miseria moral do franquismo...
O impecable guión de Altarriba está ilustrado cos debuxos de Kim (Joaquim Aubert i Puig-Arnau), coñecido debuxante del El Jueves con series como "Martínez, el Facha" ou personaxes coma Makoki. Nesta obra Kim desenvolve todas as súas posiblidades gráficas, moito maís alá das súas anteriores series plasmando todo tipo de sentimentos, pero sobre a mediocridade dominante na sociedade española. Son impresionates as viñetas que describen escenas oníricas como a da aguia imperial que arrinca os ollos de Antonio ou os animais e alimañas que o visitan e carcomen ao final da súa vida.
Pero El Arte de volar é un libro imprescindible porque é moito máis que unha historia da Guerra Civil ou do s. XX español. É unha historia dolorosa dun fillo que se encarna nun pai para poder asimilar mellor o seu sufrimento e asumir así a súa perda: "Yo sí se como lo hizo (o suicidio)...soy el único que puede saber como lo hizo, porque, aunque no estaba allí, estaba en él... Siempre he estado en él porque un padre está hecho de sus hijos posibles y yo soy el único hijo que le fue posible a mi padre".

2011/05/25

MAKINARIA


Esta nova obra de Carlos Negro é "un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol" como aparece na contraportada do libro. O destino é a morte .
Estes versos libres dedicados aos mozos e mozas de Dodro para que cheguen a vellos é un recordatorio para toda a xuventude de que non somos inmortais

This is the end.

Cando veñades rezar,
a me falar en silencio,
a soas coas sombras,
rogaríavos,
se non vos importa,
que non pousedes
derriba do nicho,
flores de plástico.
Non desas flores
que semellan vivas,
mais naceron mortas.
Daríanme frío

2011/05/23

USHA

Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o seu diario contando todo o que lle acontece na India, onde está vivindo con súa nai, que é membro dunha ONG. Fálanos dos seus amigos e amigas, da cultura, comidas, tradicións, idiomas... da India e tamén nos menciona que un grave acontecemento está a ocorrer en Galiza: un barco naufragou fronte as costas galegas e está contaminando todo con petróleo. Debido a isto, Usha e súa nai deciden volver a Galiza.

2011/05/22

FRAQUEZAS

Nesta nova obra, Xosé Díaz Díaz preséntanos seis relatos, algúns deles premiados, nos que aparece a traxedia, o desexo, a violencia, o desconsolo..., pero tamén a esperanza nun intre no que os protagonistas poden darlle a volta á vida e vela cunha nova luz.

Velaquí tedes un fragmento do último dos relatos, titulado O ollo alleo:
"A paisaxe é marciana, pois está sementada de pedras e area, só que estas nosas máis amarelas, da cor do pan. É para min estraño, xa que aquí a terra bebe regadío de sangue, de cada día varias persoas, veciños, parentes, abren sangue e eslúense no noso chan en miles de pingas; e velaí por que non agroma nin é fértil nin ben dado ao cultivo, de tan enchoupado de quina, de tan coma feluxe ás veces. Hai unha semana foi Namir, a miña irmá grande, quen se entregou; preparouse toda ela moi ben aquelada para levar adiante, dixéramo. Guiei o noso coche deica aló e deixeina onde ordenou: onda a porta de Damas. A nosa nai sóuboo despois, que eu lle vin coa nova mesmo antes de que saíse unha reportaxe na televisión israelí, que sintonizamos dende acó e que é a única que podemos ver..."

2011/02/24

BLANKETS

Blankets é o último título que acabamos de ler os Papalibros. Trátase dunha novela gráfica con guión e debuxo de Craig Thompson, publicado en Astiberri no 2004. É unha historia autobiográfica onde o autor revive a súa infancia e adolescencia nun pobo do estado de Wisconsin (USA). No relato das súas experiencias persoais o protagonista descúbrenos un pai autoritario pertencente á igrexa evanxelista, a relación co seu irmán menor, a presenza constante e opresiva da relixión, o sentimento de marxinación e aillamento na escola..., pero sobre todo o primeiro amor con Rania, que marca un antes e un despois na súa maduración persoal. Seguimos a súa evolución nun interesante xogo temporal, onde Craig vai tirando do fío do pasado a medida que vai sendo capaz de asimilalo.
O debuxo de Thompson, entre o realismo e o onírico, contribúe en gran medida a que o producto final sexa unha obra de gran beleza cun marcado ton intimista. Outro elemento narrativo importante son variedade de recursos usados nas viñetas: os diferentes trazos dos marcos (groso e pouco definido para os malos recordos, falta de marco no que quere resaltar...), o tratamento dos diferentes planos, os bocadillos dentro de bocadillos...
Despois de ler a obra podemos sacar algunha conclusión sobre a ambigüidade do título. "Blankets" significa manto, cobertor; que pode referise tanto ao manto de neve omnipresente que tapa todas as imperfeccións, como ao cobertor confecccionado por Rania, único recordo que conserva dela o protagonista.
A lectura desta novela gráfica enganchou a moitos Papalibros e abriu as portas do mundo do cómic a algún reticente que aínda quedaba. Compartimos varias comidas na aula 106 comentando os debuxos de Craig, a súa vida, os seus problemas... e moitas veces acabamos falando da nosa propia infancia ou adolescencia, en moitos casos non tan diferente da do protagonista. O libro deunos pé para falar de relixión, acoso, discapacitados...e ata de Platón e outras referencias clásicas presentes no libro.

2011/02/19

RESISTENCIA


Esta obra de Rosa Aneiros preséntanos unha viaxe a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Como o seu nome indica, é unha historia de resistencia, de loita pola supervivencia; pero ninguén pode escapar aos designios do tempo, e a vida dos protagonistas viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis.
Especialmente indicada para as persoas ás que lles gusta a historia de Portugal e a loita das mulleres para sobrevivir á adversidade.

2011/02/16

DENSO RECENDO A SALGADO


Denso recendo a salgado son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais. Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado é como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.
Espero que vos guste esta primeira novela de Manolo Portas e que vos sintades engaiolados polas súas historias

2011/02/11

Cartas de amor. Fran Alonso. Ed. Xerais





Esta obra consta de nove relatos en forma de carta encabezados por un título que apunta ao tema central de cada un deles: “Ilegal”, “Desde as tebras”, “Confesión”, “Sáhara, améndoa amarga”, “Zé, volcán de amor”, “O que nunca me preguntaches”, “A carta inesperada”, “A guerra”, “Lonxe”.
Forman un mosaico do mundo actual e botan unha ollada ás vidas tronzadas das protagonistas, que foron levadas polos acontecementos e non puideron vivir seguindo as súas propias escollas. Sofren de saudade, viven con ansia de regreso ao seu país ou á súa vida perdida, agachan a realidade ás familias... Viven no temor dun futuro incerto e a desesperanza é un sentimento común. Guerras, inmigración, exilio e homofobia son as pragas que asolagan o mundo descrito nas cartas.Os protagonistas destas historias intentan vivir con dignidade e soñan cun mundo un pouco mellor do que lle tocou en sorte.
Unha lectura especialmente recomendada para este mes de febreiro, mes do amor, da candeloria e de San Valentiño. Para que vexamos que hai cartas de amor de moitos tipos e situacións moi penosas no mundo actual.

2011/02/09

CONTOS PARA MANUELA


Título: Contos para Manuela
Autor: Mario Pereira
Editorial: Alfaguara Obradoiro
Ano
: 2002
Contos para Manuela son, como o propio autor di, "case contos", reducidos a un principio e tres finais para que o lector escolla o que lle guste máis ou imaxine outros moitos posibles. Falan do iglú que quere marchar a países quentes, do mirasol que non mira para o sol, do peixe atrapado nunha foto, e doutros moitos personaxes que nos engaiolarán nos dezaseis relatos que compoñen esta obra.

Recoméndovolo principalmente @s imaxinativos/as,aos que vos guste inventar as vosas propias historias ou modificalas segundo os vosos desexos.

2011/01/30

UNA HISTORIA POPULAR DEL IMPERIO AMERICANO


Con esta adaptación ao cómic do ensaio La otra historia de los Estados Unidos de América, de Howard Zinn, celebramos en Papalibros o día da paz.
Howard Zinn (1922-2010) foi un historiador, politógo e activista político norteamericano. A partir dos anos 60 do s. XX foi un destacado activista dos dereitos civís e nomeado antibelicista. Escribiu unha vintena de obras entre as que destacan, ademáis da citada, a súa autobiografía Nadie es neutral en un tren en marcha, ou Sobre la guerra: la paz como imperativo moral.
Outros autores da obra, ademais de Zinn, son o editor e historiador Paul Buhle e o debuxante Mike Kokopacki. Este cómic foi publicado por Sins Entido no 2010.
H. Zinn aborda a historia dos EEUU dende un punto de vista diferente ao que aparece nos libros de texto do seu país. Explica a historia do pobo americano, a historia dos perdedores: as loitas dos nativos norteamericanos contra os invasores brancos, os movemento sindicalista e o seu enfrontamento contra o capital, o intervencionismo americano nos estados veciños (e os non tan veciños...), a loita do pobo negro contra o racismo, a loita polos deireitos civís, a guerra de Vietnam e o movemento pacifista...
En canto á parte gráfica, os debuxos de Konopacki conviven con outros documentos interesantes: fotografías, carteis, portadas de xornais, viñetas de época... O resultado é unha obra amena, ben sintetizada, que nos leva a descubrir esa historia con letra pequena que ás veces define tan ben o carácter dun pobo ou as tropelías dun goberno.
Recomendamos este libro aos amantes da historia, do cómic e tamén aos que soñan que un mundo máis xusto é posible.
Deixámovos aquí un video onde Zinn explica as razóns que o levaron a escribir esta obra.

2011/01/24

ACADANDO CUMBRES... BORRASCOSAS

Despois de case dous meses de lecturas intermintentes alcanzamos os cumios de Emily Brontë. Para algúns non foi unha lectura fácil e houbo quen abandonou.
Estivemos de acordo en que no comezo non foi un libro "amable". Descríbenos un ambiente hostil, onde personaxes que se odian demasiado están forzados a convivir en mansións desanxeladas. Nin rastro do amor meloso que algunha esperaba atopar nesta novela romántica. O romanticismo amósasenos máis ben no tenebroso, na paixon desbocada, no espírito rebelde e ansias de liberdade dos protagonistas. Xusto na creación de carateres como o de Heathcliff ou Catherine é onde recoñecemos a mestría de Brontë. Impresiomounos especialmentea descripción da paixon dos protagonistas, o do torturado personaxe de Heathcliff que á súa vez torura aos demais no seu afán de vinganza.
Case todos coincidimos en que foi un bo libro para ler a carón do lume e que pasamos os nosos bos ratos compartindo xantar, café e lectura

2011/01/15

O LABORATORIO DO DOUTOR NOGUEIRA



Esta historia ten dous personaxes principais que son:
O doutor nogueira
Este é un científico coñecido como Alfredo da Silva aínda que o seu nome real é Roberto Nogueira. Tivo unha vida nun principio ben difícil ata case o punto de non poder continuar os seus estudos, pero a vida deulle o regalo de ser o único herdeiro da gran fortuna do seu tío. E agora leva unha vida de súper heroe “con máscara” .
Rosa Novoa
A axudante persoal do doutor. Estes coñecéronse nun banco do parque cando ela estaba desempregada. El contratouna na súa casa e logo dun tempo converteuna na súa axudante persoal.
Creo que era todo bastante interesante xa que se lle ocorrían moitas ideas de axudar ao Mundo moi innovadoras, porque… quen se parou a pensar que a calvicie era un problema moi serio, ou se quería que a xente falase mellor?
Un feito moi interesante pareceume que todos os seus proxectos lle saísen mal, porque é algo diferente, non é o típico dos contos.
Cristina García Bande
2º ESO