2010/11/22

QUERES COMPARTIR CON NÓS UNHA LECTURA?


Por fin arrancamos este curso cunha actividade ata agora nova en Papalibros, aínda que en realidade ven sendo a esencia dos clubs lectura. Un grupiño de persoas imos ler un mesmo libro e cada 15 días (ou menos) imos quedar para falar del. Como todos os que están anotados son alumnos/as de 2º ciclo de ESO ou BAC, pareceunos unha boa idea quedar a xantar os luns e mentres comemos unhas pizzas, uns bocatas... ou mesmo unha ensalada, falaremos do que estamos a ler, doutros libros parecidos, de cousas que nos ocorreron parecidas ás do libro, de como imaxinamos a eses personaxes, de persoas que nolos recordan... quen sabe de que acabaremos falando.
Aínda que había varias propostas como clásicos rusos, El amante de M. Duras, novelas gráficas... acabamos escollendo un clásico romántico: Cumbres Borrascosas de Emily Brontë. Axudounos a esta escolla a nosa exposición de libros "Para ler a carón a do lume, en tempos de mortos castañas", que temos neste trimestre na biblioteca, e tamén, para que negalo, o feito de esta novela sexa citada na famosas saga de Crepúsculo.
Cumbres borrascosas nárranos unha historia de amor e vinganza, de odio e tolemia, de vida, de morte e pantasmas entre dúas familias. Cumbres borrascosas é o nome da mansión decimonónica, perdida nun páramo da xeografía inglesa, en torno a cal discurre a acción.
De momento estamos embarcados nesta lectura Cristina Conde, Ánxela G. Mato, Francisco Río, Iria Parras, Yuri, Elisa Ares, Ana Ayude, Irune, Ana Arias (profe de lingua, subst. de Cristina) e Susana Losada (profe de grego). Se che apetece ler con nós, avísanos para organizarnos mellor. A nosa próxima cita é para xantar xuntos o luns 29 de novembro na aula 106

2010/11/21

El Escorpión. La Sombra del Ángel

DESBERG-MARINI

Xa están aquí os últimos números da serie do Escorpión, aventuras históricas de capa e espada. O Escorpión é un aventureiro do século XVII que gaña a vida conseguindo reliquias antigas e vendéndoas ao mellor postor. Na Sombra del Ángel, o protagonista regresa a Roma decidido a explorar todos os recunchos do seu pasado. Aparecen novos personaxes, algúns para axudarlle e outros para enganalo. Mejai parece disposta a todo por amor e até lle axuda a buscar a verdade. Pero o retorno da marquesa alterará esta relación. Que pasará?

2010/11/14

TONECHO DE REBORDECHAO

Son o neno máis espilido, fermoso e guapo de toda a miña aldea. Son o neno máis guapo, e non hai máis que falar. Claro que isto non é moito ser, porque na miña aldea son o único neno que hai.
Así comeza a obra de Breogán Riveiro, na que un neno nacido na cidade ten que trasladarse a Rebordechao, unha pequena aldea perdida na montaña de Ourense, para vivir cos avós unha nova vida sen os seus pais.
A tranquilidade de Tonecho altérase o día que descobre un misterioso cuarto con manchas de sangue.