2010/04/25

Leviatán

Leviatán é unha novela de Paul Auster que narra a historia dun escritor, Benjamin Sachs, en ollos do seu mellor amigo, Peter Aaron, alter ego do propio autor. Todos os personaxes da novela contan con características inusuais, e establécese unha rede emocional estraña e complexa que da lugar a unha trama enredadiza. A novela mostra como a vida dunha persoa pode cambiar nun instante, como nunca se sabe o que pode deparar o futuro e trata de xeito profundo a profundidade das emocións e sensacións persoais, ademais da propia natureza humana.

A extravagante natureza dos personaxes e a enrevesada trama enganchan dende o comezo ata o final, se ben ás veces pode ser demasiado densa e nalgúns puntos parece que a trama non avanza. Se vos interesa, está dispoñible na biblioteca do instituto.

David Méndez Martínez B2A

Cómo acabar de una vez por todas con la cultura

Cómo acabar de una vez por todas con la cultura é unha recopilación de diversos artigos publicados por Woody Allen en xornais norteamericanos ao longo da década dos 60.

Os artigos artéllanse a través de historias ou relatos breves protagonizados por xente coñecedora dos grandes dun determinado campo, e a través deles ironiza de xeito creativo e imaxinativo sobre temas tan transcendentes coma a filosofía, o psicanálise ou a decadencia cultural. Analiza a vida dalgúns personaxes a través de obxectos da vida cotiá coma listas de roupa, satiriza ramas da filosofía e do coñecemento coma o psicanálise e búrlase da mafia, sen abandonar un ton burlón e irónico.

En definitiva, unha obriña de lectura lixeira moi recomendable para esas tardes de aburrimento nas que non se sabe que facer, e que ademais pode supoñer un xeito de coñecer o pensamento e os impulsos de tan afamado cineasta coma Woody Allen nos seus primeiros momentos. Este e outro tomo recopilatorio de artigos de Woody Allen están dispoñibles na biblioteca do instituto.

David Méndez Martínez B2A