2009/06/09

Lectores



Ola amigos,

Hoxe non vos vou falar dun libro que lese, como adoito facer, senón de min mesma como lectora. Son unha rapaza de Melide, que ten 16 anos e á que lle gusta moitísimo ler, aínda que moita xente aínda pense que ler máis xuventude son palabras que non poden ir xuntas...

Comecei a ler literatura por gusto ós 11 anos aproximadamente e teño que darlle as grazas de que isto sexa así ás novelas de Harry Potter, que foron os primeiros libros que lin sen obrigación, e que me animaron a abrirlle unha porta ó mundo dos libros. Ademais na casa non son a única lectora, pois miña nai, sempre que ten un anaquiño libre, colle unha novela e somérxese nela ata que a ten que deixar.

Teño que dicir que non teño un libro favorito, os meus gustos van cambiando co tempo, pero ultimamente lin a triloxía de Cornelia Funke, Corazón de tinta, que me encantou e me enganchou ata a última páxina. A verdade é que me dá moita pena que remate a serie con Muerte de tinta... Ánimádevos a lela, seguro que vos gusta!

Polo demais, na miña listaxe de libros lidos máis recentemente, teño títulos moi variados: fantasía, humor, novela negra, autobiografías, ciencia-ficción, novela de aprendizaxe, comic... por exemplo, Agujero negro, Persépolis, Píldoras azules, Fun home, Alta fidelidad, El lector, La sociedad de los otros, O bosque dos raposos aforcados, El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha (que, por certo, me sorprendeu moi gratamente), etc

E, como non, unha listiña de novelas que quero ler este verán: El buda de los suburbios, Los hombres que no amaban a las mujeres, Los pilares de la tierra ou algún clásico como Cumbres borrascosas. E xa vou rematando, simplemente quería suxerirvos que vos animedes a ler algún libro este verán, xa veredes como paga a pena!

Andrea Vázquez Varela (1ºBAC A)



1 comentario:

Laura dixo...

lendo as túas recomendacións kreo que me vou pillar Los hombres que no amaban a las mujeres na biblioteca. moitas grazas Andrea por animarme a ler, conseguíchelo. bks